O portavoz do grupo municipal do Partido Socialista no Concello de Pontevedra, Iván Puentes, asegura que a "improvisación", a "opacidade" e os "constantes cambios" no proxecto de Santa Clara "certifican que o señor Domínguez marchará da Deputación en 2027 sen cumprir a única promesa que lle fixo a esta cidade", malia que inicialmente prometera ter os traballos en marcha xa en 2024.
Así o manifestou este xoves nunha rolda de prensa na que tamén declarou que Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP e vicepresidente da Deputación, "vai abandonar o cargo sen ter iniciado as obras de rehabilitación nin abrir os xardíns á cidadanía".
O socialista sostén tamén que a documentación técnica solicitada á Deputación introduce dúbidas sobre o relato ofrecido polo goberno provincial.
Segundo asegura, non consta aínda a autorización da Xunta para actuacións como a tala de árbores ou o traslado de elementos patrimoniais, e tampouco existen informes internos que avalen esas decisións.
O portavoz local do PSdeG pediulle ao vicepresidente provincial "transparencia absoluta" nun proxecto que sinala como "vital" para cidade de Pontevedra.
"Que diga a verdade e que admita, como din os informes técnicos, se aínda non están decididas nin a ubicación, nin a superficie, nin as características da nova edificación", dixo Iván Puentes.
O líder do PSOE lamentou que Domínguez "nin sequera vaia facer o máis inmediato e sinxelo, que sería abrir os xardíns de Santa Clara á cidadanía".
"Se ninguén o impide, non só non os terá abertos, senón que os terá esnaquizado cando marche da Deputación en 2027", engadiu.
Puentes lembra que, tras varios cambios de calendario, a realización das catas segue sen data clara de inicio.
A maiores, os informes indican que aspectos fundamentais do proxecto, como a localización, superficie ou configuración do novo edificio previsto, seguen sen definirse, á espera da redacción final. Unha circunstancia que, segundo Puentes, contradí declaracións públicas do vicepresidente.
Ante esta situación, o PSOE reclama "transparencia absoluta" e pide claridade sobre o estado real dun proxecto que, polo momento, continúa rodeado de incógnitas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.