O portavoz do grupo municipal do PSOE; Iván Puentes referiuse á "críptica e polémica" sinalización de 'zona 15' instalada "sen previo aviso" polo goberno local no contorno do Mercado de Abastos.
O portavoz municipal do PSOE dubida da "idoneidade" desta nova sinaléctica coa que se regula o estacionamento de servizos neste perímetro da rúa Serra e, a falta de coñecerse uns "hipotéticos" informes da Policía Local e do Concello que avalen a súa colocación, lamenta que a explicación se dera "a posteriori".
"Dun día para outro, sen avisar a ninguén e sen comunicación pública, colocan uns sinais que son a nivel estético absolutamente iguais que os que regulan a 'zona 15' en toda a cidade e cun texto que é exactamente o mesmo, pero mudando a orde das palabras... E significa cousas totalmente diferentes".
Segundo sostén Iván Puentes á veciñanza non se lle pode pedir que "teñan que facer unha análise sintáctica do sinal que teñen na zona na que estacionan, porque implica un risco de 200 euros de multa e de que lles leve o coche o guindastre".
Tal e como denunciou, "froito desta desinformación por parte do Concello de Pontevedra", ao longo da pasada fin de semana sumáronse, só na rúa Serra, "unha vintena de multas de xente á que lle meteron un pau de 200 euros, nalgúns casos con retirada do vehículo, e non porque tivesen vontade algunha de infrinxir a norma, senón simplemente porque non sabían que a norma mudara e se instalaran novos sinais". Ao seu xeito de entender, "unha persoa normal chega, ve que pon 'Agás servizos, máximo 15 minutos' e interpreta que a regulación é como en calquera outra zona da cidade".
Na súa opinión, "se xa en casos como o do sinal de 'Carga e descarga', que é totalmente diferente, houbo que poñela amarela para que a xente non se confundise, ou mesmo as de 'zona 15' con horario continuado (sen interrupción a mediodía) houbo que poñelas azuis para que os cidadáns non se confundisen, neste caso, cando pasamos de permitir o estacionamento libre ao mediodía, tódalas noites e tódolos días festivos, a prohibir tódolos mediodías, noites e días festivos, parecería lóxico que se indicara tamén cunha cor distinta".
O líder do PSOE tamén criticou a xustificación que se deu desde o goberno local, defendendo que se fixo para evitar que os coches poñan música polas noites nesa zona da cidade e difundindo unhas imaxes duns mozos de festa. "Ese coche que se ve nas imaxes -asegurou- infrinxe practicamente toda a normativa municipal, menos a relativa a estacionamento", dixo. "Se fora afectado, eu recorrería a sanción, desde logo", engadiu.
Puentes asegura que "esta solución, o que denota é unha incapacidade, por mala organización, planificación e xestión, para poder controlar estes excesos a través da Policía Local sen ter que mudar as normas de estacionamento".
Neste sentido, lembrou que a UE recomenda que as cidades conten cunha ratio de 1,8 policías locais por cada 1.000 habitantes, o que en Pontevedra se traduciría nunha cifra duns 150 policías locais.
"Hoxe, temos en plantilla 97, máis sete que están en formación na Academia Galega de Seguridade, o que sumaría un total de 104 axentes. Isto significa que temos 46 policías menos dos que, en base ás recomendacións da UE, nos corresponderían", indicou.
En consecuencia, como subliñou Iván Puentes, "se polas noites só temos unha patrulla da Policía Local para vixiar toda a cidade, é difícil perseguir este tipo de comportamentos incívicos e óptase por solucións drásticas como prohibir o estacionamento, simplemente para que unhas persoas non poñan música elevada no seu coche".