A Policía Local detivo o pasado xoves 7 de maio unha persoa como presunta autora dun delito de atentado, resistencia e desobediencia aos axentes da autoridade despois dun incidente rexistrado durante un control de alcoholemia.
Os feitos producíronse arredor da 01:30 horas, cando unha patrulla realizaba unha proba de alcoholemia a un condutor.
Segundo informou o Concello de Pontevedra, o acompañante do vehículo comezou nese momento a increpar aos axentes con insultos e ameazas, chegando incluso a realizar xestos intimidatorios.
Este individuo dirixiuse aos policías con expresións como "hijos de puta, puercos, gallegos de mierda, sois asquerosos, os voy a matar", mentres lles facía o xesto de cortar o pescozo coa man.
Mentres os policías trataban de reconducir a situación, o condutor sometido ao control deu resultado positivo, cunha taxa de 0,69 miligramos de alcohol por litro de aire expirado.
Pouco despois, un familiar do condutor desprazouse ata o lugar coa intención de retirar o vehículo.
Con todo, tamén foi obxecto dos insultos do acompañante, polo que finalmente renunciou a facerse cargo do turismo.
A tensión aumentou cando se solicitou a intervención da grúa municipal para retirar o coche.
Nese intre, o agora detido tentou impedir a retirada do vehículo, desobedecendo as indicacións policiais e chegando a tratar de agredir aos axentes.
Durante o altercado, tamén lles cuspiu e continuou proferindo insultos.
Finalmente, os efectivos procederon á súa detención.
Segundo a Policía Local, a actitude agresiva mantívose incluso despois do arresto, xa que durante o traslado golpeou reiteradamente unha das fiestras do vehículo policial.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.