Quedan tres días para presentar candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra

Pontevedra
03 de xaneiro 2018

Ata agora son tres as propostas formalizadas no rexistro do Concello, a última é a da Clínica Médico-estética Trini Maquieira impulsada por Amencer-Aspace. O psiquiatra Víctor Pedreira e o triatleta Pablo Dapena foron presentados pola Asociacion Alba e o Aula de Educación Vial de Pontevedra

Calros Solla e o IES Luis Seoane reciben os premios Cidade de Pontevedra
Calros Solla e o IES Luis Seoane reciben os premios Cidade de Pontevedra / Mónica Patxot

O próximo venres 5 de xaneiro pechará o prazo para a presentación das candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra. Ata agora son tres as propostas formalizadas. A última, na categoría de persoa xurídica, é a de Clínica Médico-estética Trini Maquieira, presentada por Amencer-Aspace. A asociación quere pór en valor o labor altruísta que fai con mozos con parálise cerebral e afíns.

As dúas primeiras propostas que chegaran ao rexistro do Concello pertencen á categoría de persoa física. Trátase da do psiquiatra e activo defensor da sanidade pública Victor Pedreira que foi presentada pola Asociación Alba de familiares e amigos de persoas con enfermidade mental de Pontevedra e a do triatleta Pablo Dapena, impulsada pola Aula Educación Vial de Pontevedra.

As persoas, asociacións, entidades, clubs o colectivos interesados teñen que formalizar as súas propostas no rexistro do Concello e deberán levar unha memoria xustificativa que explique os méritos do designado.

Os Cidade de Pontevedra teñen dúas modalidades, persoa física e persoa xurídica. O xurado valorará o labor desenvolvido polos candidatos sobre todo no último ano e a proxección de Pontevedra e os pontevedreses derivada delo.

Os galardóns serán entregados con toda solemnidade nun pleno extraordinario de honra que se desenvolverá o 20 de xaneiro, día de San Sebastián, patrón da Boa Vila.