Os residentes da Rúa José Pernas e a súa contorna denuncian unha situación insostible derivada do desvío do tráfico pesado pola zona residencial da Caeira debido ás obras na Avenida da Barca, segundo recolle a Agrupación Socialista de Poio.
Nos últimos días, a circulación continua de camións provocou a aparición de fochancas, afundimentos, danos no firme, ruído e vibracións, alterando a tranquilidade da área urbana.
As persoas afectadas recordan que noutras ocasións o tráfico se desviaba polo polígono do Vao, opción que consideran lóxica e segura.
O PSOE de Poio demanda que se empregue esa alternativa, así como un control real do cumprimento das normas, máis alá da sinalización.
O contexto agrávase pola inseguridade viaria e cidadá, coas queixas pola velocidade excesiva en A Caeira e na estrada a Campañó, derrapes, invasións de carril e sucesos perigosos en garaxes e pasos de peóns.
Ademais, sinalan que a ausencia de control policial preocupa especialmente, facilitando condutas temerarias e roubos.
O PSOE de Poio pide ao Concello que actúe de forma inmediata: desviando o tráfico pesado polo Vao, reparando o firme, recuperando a presenza da Policía Local, instalando control de velocidade e lombos, e executando melloras pendentes en iluminación e seguridade.
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
O Goberno local de Poio do alcalde Ángel Moldes convida os concelleiros socialistas a "repasar ben" o plan de tráfico e sinais de obra na PO-308.
Expón que, desde o inicio dos cortes os vehículos de mercadorías, se desvían desde a estrada de Vilagarcía polo polígono do Vao, evitando así a zona da Barca.
Tamén lembra que a proposta dos socialistas era transformar A Caeira en sentido único e a veciñanza rexeitou ese plan.
Desde o Goberno local afirman que "non vai permitir leccións daqueles que querían sentido único na Caeira e tamén na ponte da Barca".
Sinalan que agora os concelleiros da oposición están entendendo que a súa proposta inicial era prexudicial para os veciños.
O goberno municipal reitera as desculpas polas molestias que poidan executar as obras que eran "moi necesarias e demandas", afirmando que tentarán solventar as incidencias que aparezan durante o seu transcurso.