Un grupo de bañistas que se encontraban este domingo na praia de Bascuas, no concello de Sanxenxo, tiveron que rescatar eles mesmos un rapaz que se estaba a afogar, ante a falta dun servizo de urxencia.
Sucedeu sobre a unha e media da tarde, o sol brillaba en todo o alto, ía calor, era unha magnífica xornada de verán aínda que o mar estaba picado e con forte resaca, unha circunstancia da que non había ningunha bandeira que advertise e na que non reparou un mozo que nadaba preto da beira cando a ondada lle impediu chegar ata a area.
Cansado polo esforzo pronto empezou a poñerse nervioso ao ver que se afogaba polo que berrou pedindo socorro.
Os bañistas que estaban na praia escoitaron a súa petición de auxilio. Ante a falta de socorristas, os veraneantes no medio dun gran balbordo preguntaban por alguén que soubese nadar "ben". Pronto tres persoas se lanzaron á auga para rescatar o rapaz.
Auxiliados cunha táboa de surf dun neno, conseguiron chegar ata o afogado, e con grande esforzo levárono a terra firme, onde lle atendeu o persoal médico dunha ambulancia do 061. Despois de estabilizar o mozo, as emerxencias trasladárono a un centro sanitario.
QUEIXAS POLA FALTA DE SOCORRISTA
Co susto no corpo as persoas que se encontraban na praia de Bascuas expresaron as súas queixas pola ausencia dun servizo de socorro na praia en plena tempada de verán.
O Concello destina preto de 200.000 euros ao servizo de vixilancia nas praias para contratar a un total de 52 socorristas que se incorporarán aos seus postos o día 1 de xullo cando se abre oficialmente a tempada de baño, cumprindo un contrato de dous meses de duración.
A pasada semana incorporáronse dezaoito socorristas e sanitarios incorporáronse ao servizo de vixilancia nas praias de Areas, Silgar, Canelas e Montalvo.