Queixas veciñais en Raxó pola instalación de tubaxes que desembocan na beirarrúa

Poio
28 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Residentes na zona e colectivos de Poio demandan ao Concello información sobre o estado destas instalacións creadas hai pouco tempo nun parking privado. Sinalan que coas chuvias destes días, as augas pluviais baixan polas canalizacións ata desembocar nun noiro onde se vai arrastrando a terra chegando a converter a beirarrrúa nunha lameira

Tubaxe emanando auga na beirarrúa do lugar de Outeiro en Raxó
Tubaxe emanando auga na beirarrúa do lugar de Outeiro en Raxó / Raxó Existe

A instalación dunhas tubaxes de pluviais que emanan a auga cara á PO-308 na avenida de Portería en Raxó está a provocar o enfado da veciñanza.

Os residentes na zona denuncian que estas tubaxes pertencentes a unhas obras que se acometen nun aparcamento privado carecen de conexión á rede de pluviais e desembocan nun noiro ou directamente nas beirarrúas.

O colectivo Raxó Existe tamén sinala que as canalizacións foron cubertas cun pouco de terra por riba para disimular o desaugadoiro na vía pública.

Esta situación convértese en problemática principalmente cando durante estes días as choivas arrastran terra e as beirarrúas convértense nunha lameira, segundo afirman os veciños da contorna da PO-308 ao seu paso polo lugar de Outeiro en Raxó.

A través do partido veciñal Movemento X Poio presentouse esta semana unha reclamación no Concello preguntando polas obras que se están realizando neste espazo e que permisos foron concedidos polo goberno municipal. 

Piden información sobre a existencia dunha licenza municipal para executar as obras, reclaman datos sobre quen é o promotor das obras e sinalan que se estes traballos carecen de licenza sexa decretada a inmediata paralización por parte do alcalde.