Quen fixo estas sinalizacións no sendeiro do Gafos?

Pontevedra
09 de xuño 2015

Apareceron recentemente uns sinais de cor rosa fucsia por esta zona do río. Algunhas atópanse no asfalto da estrada, en árbores ou mesmo en lousas das pontes de pedra. A asociación Vaipolorío lamenta esta actuación coa que non garda ningún tipo de relación

Sinalización na ponte da Condesa
Sinalización na ponte da Condesa / Vaipolorío

A asociación Vaipolorío denuncia a aparición de sinalizacións no sendeiro do río Gafos. Trátase dunhas frechas de cor rosa fucsia que se marcaron no asfalto da estrada, en árbores ou mesmo en lousas das pontes de pedra da Condesa e Rebón.

Vaipolorío lamenta, sobre todo, que se pinten estas lousas da ponte, que forma parte do patrimonio cultural. Alertan a quen as realizase con algún significado orientativo que "tome o rumbo debido, co que nestes casos se debe" de "obrar".

O colectivo sinala que hai anos Vaipolorío realizou sinalizacións coa intención de indicar o camiño a seguir para aquelas persoas que puidesen desviarse da senda que viñan limpando e protexendo.

Dende entón, decidiron facer unhas marcas estándar con dúas raias horizontais superpostas de cor branca e amarela pintadas na codia das árbores, sobre algunha pedra asentada no camiño ou en elementos que non desvirtuasen outras indicacións nin provocasen danos. Non obstante, a senda homologada nunca chegou a levarse a cabo e o tempo foi borrando a maioría das marcas. Por iso, o colectivo aclara que agora que o Concello de Pontevedra se vai facer cargo da figura de Espazo Natural de Interés Local (ENIL) non ten sentido que se realizasen indicacións que poden contravir a que se instale de xeito oficial.