Quince empresas queren acometer as obras mellora da estrada entre Serrapio e Vichocuntín

Cerdedo Cotobade
21 de abril 2018

A actuación consiste en ampliar o ancho da vía desde os cinco ata os sete metros e mellorar o trazado da estrada rectificando varias curvas. Con estes traballos mellorarase a seguridade viaria e a comodidade na circulación dos usuarios 

Mapa da actuación de mellora da estrada Serrapio - Vichocuntín
Mapa da actuación de mellora da estrada Serrapio - Vichocuntín

Un total de 15 empresas presentaron ofertas porque están interesadas en acometer a execución das obras de construción do alargamento e mellora da estrada PO-230 entre os núcleos de Serrapio e Vichocuntín, no concello de Cerdedo-Cotobade.

A actuación supón un investimento de máis de 609.000 euros e ten por finalidade mellorar a seguridade viaria do treito, segundo sinala a Xunta de Galicia, administración responsable da obra.

Para acometer a obra será precisa a expropiación de 26 fincas entre os puntos quilométricos 12+650 e 14+430 da estrada autonómica que conecta Campo Lameiro e Vichocuntín.

O proxecto consiste no ensanche e mellora da estrada e afecta a un treito de 1,8 quilómetros, desde o núcleo de Serrapio ata o punto final da estrada, na intersección coa Nacional 541, en Vichocuntín.

As obras previstas comprenden a ampliación da calzada ata acadar un ancho de sete metros (actualmente ten entre 5 e 5,5 metros) e a rectificación de varias curvas para mellorar o trazado da estrada. Actuarase tamén na drenaxe da plataforma, prevendo o tendido e revestimento das gavias de seguridade.

Así mesmo, está previsto construír muros de contención nos puntos necesarios e renovar a sinalización horizontal, vertical e de balizamento.