Quince persoas con discapacidade fórmanse en Pontevedra para exercer como auxiliares de servizo

Pontevedra
06 de novembro 2020

O alumnado, procedente dos concellos de Pontevedra, Sanxenxo, Moaña, Ribadumia, Poio e Marín, e con idades que comprenden dende os 29 aos 60 anos vai formarse durante un total de 75 horas lectivas. O curso desenvólvese en modalidade mixta, asistindo nove persoas presencialmente e seis a través de sistemas telemáticos

COGAMI inicia en Pontevedra un curso de auxiliar de servizos COGAMI

COGAMI, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, iniciou en Pontevedra un curso que se desenvolverá ao longo deste mes de novembro para formar en Auxiliar de Servizos a persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral para profesión habitual recoñecida.

Quince persoas participan neste curso de formación que funciona a través dunha modalidade mixta. Nove participantes acoden presencialmente e seis seguen as clases a través dun sistema telemático, como medida para facer fronte á covid-19

Trátase de alumnado procedente dos concellos de Pontevedra, Sanxenxo, Moaña, Ribadumia, Poio e Marín. Os participantes contan con idades comprendidas entre os 29 e os 60 anos e formaranse durante 75 horas lectivas en cuestións como a atención ao cliente, a recepción de chamadas ou os servizos auxiliares. Tras este curso poderán asistir a un seminario complementario sobre procura de emprego.

Este proxecto inclúese nun programa de inserción laboral Máis Emprego, financiado polo Fondo Social Europeo e a Obra Social la Caixa co obxectivo de que estas persoas poidan integrarse no mercado laboral.