Quinto día sen rexistrar contaxios de Covid-19 na área sanitaria, onde permanecen activos 8 casos

Pontevedra
15 de xuño 2020

Desde o pasado mércores 10 de xuño os balances oficiais da Consellería de Sanidade non reflicten novos positivos de coronavirus no área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A deste luns é ademais a cuarta xornada sen cambios no número de casos activos

Test para o estudio epidemiolóxico do coronavirus
Test para o estudio epidemiolóxico do coronavirus / Diego Torrado

O inicio da semana non trouxo cambios no que respecta ao balance diario de afectados de Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que por cuarto día consecutivo rexistra 8 casos activos de coronavirus.

É ademais a quinta xornada sen que os datos oficiais ofrecidos pola Consellería de Sanidade reflictan novos resultados positivos de coronavirus nos test realizados na área pontevedresa. O último produciuse o pasado mércores 10 de xuño.

Tampouco se produciron altas epidemiolóxicas, deixando o número de pacientes curados en 891 desde o inicio da pandemia, cifra que se mantén estable como a de falecementos asociados ao virus, que é de 16 desde hai varias semanas.

En canto aos casos activos, todos eles evolucionan nos seus respectivos domicilios, sen que sexa necesaria a súa atención nos centros hospitalarios da comarca.

A nivel galego, segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 348, polos 351 do domingo. Deles 108 son da área da Coruña, 20 da de Lugo, 26 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 140 da área de Vigo, 34 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 8 están en unidades de hospitalización e 340 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, na comunidade hai un total de 10.489 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 159.102 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais supoñen o 0,02% do total das persoas residentes. En toda Galicia hai 7 usuarios e 7 profesionais de centros residenciais contaxiados e rexistráronse 132 falecementos en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.