RADIO.- A Playlist de Evaristo Portela "te va a gustar ...¡y lo sabes!"

Pontevedra
09 de setembro 2017

Evaristo Portela Acuña, Varito para os veciños do seu Salcedo natal, cumprirá o ano próximo 30 anos como director deportivo do Supermercados Froiz. É dicir, está á fronte do clube de ciclismo máis lonxevo de España. Sabe o que é esforzo, sacrificio e dar o mellor de si mesmo. Predica co exemplo. Ten madeira de líder. E unha Playlist en PontevedraViva Radio cunha única selección: Julio Iglesias

Evaristo Portela, director deportivo do equipo ciclista SuperFroiz Mónica Patxot

Hai fórmulas na vida para lograr uns obxectivos.  Esforzo, sacrificio, constancia, ímpeto... adoitan ser bos aliados se se tira polo camiño menos cómodo e cada día parece que menos aconsellable. Eses aliados manéxaos con soltura o invitado desta Playlist de PontevedraViva Radio.

Varito era un neno de Salcedo que se levantaba de madrugada para axudar aos seus pais na leira e despois marchaba cara á escola para cumprir tamén con estas obrigacións. Como tantos da súa xeración divertíase con xogos moi sinxelos e imaxinábase como vaqueiro, ao estilo daqueles de Bonanza que vía nunha tele da parroquia, pero en lugar de subir a cabalo, Varito subíase a unha porca.

Con oito anos, nunha chiquillada coa súa curmá, pillouse a primeira e única bebedeira da súa vida. Tiña un don para o deporte. Ao fútbol, o mesmo destacaba como porteiro que como goleador. Con 14 anos quixo ser boxeador, pero como non conseguía que lle desen a pertinente licencia, decidiu aos 16 subir á bicicleta. Evaristo Portela Acuña gañou o seu primeiro premio en Monte Porreiro e aquela noite, durmiu co trofeo. 

O director deportivo do G.D. Supermercados Froiz conclúe que para ser un bo ciclista hai que "ter actitude e alguén que che guíe ben". A experiencia, que é a nai de ciencia, é quen llo inculcou. Un home de valores, deses que non cotizan en Bolsa, pero que enriquecen como persoa. Valores que herdou de Evaristo e Josefa, que transmitiu ás súas fillas, que transmite aos seus pupilos deportivos e que aplica igualmente no seu traballo - si, queda tempo para "o seu" outra empresa, Campofrío -.

Tiña e ten un don para o deporte e outro para ir pola vida: don Evaristo. Aínda que, seguro, que el dirá que este último don sobra.