Pontevedra, Burgos, A Coruña, Astorga, Xixón...a súa infancia e primeira mocidade ten un percorrido xeográfico tan dispar que para "autorreivindicarse" Isaac Fernández Fernández decidiu na súa etapa de estudante de BUP apelidarse Xubín. Non é que renegase dos apelidos de José María e Isabel, senón que adoptou o lugar daquela casa natal materna como único elemento constante daquel ir e vir.
Comezou os estudos superiores licenciándose en Filoloxía Galega, aínda que antes de terminar decidiu volver facer maletas para asentarse - por uns anos -, en Euskadi. A primeira persoa á que escoito afirmar que "o eúscaro non é difícil de aprender". Créoo tendo en conta que este escritor, tradutor, investigador e "gastrósofo" debe falar, aínda que el diga esnaquizar: castelán, galego, eúscaro, catalán, francés, inglés e portugués; polo menos.
Tras Euskadi veu a etapa irlandesa, en Cork, ademais de exercer de lector galego, exerceu de xogador de fútbol gaélico. Deporte que recomenda non perderse se se ten ocasión de practicar. Ah! e alí coñeceu a Nuria, a súa parella, que exercía de lectora catalá. Así que en Irlanda en lugar de aprender inglés como tantos e tantos españois, Isaac aprendeu catalán.
En 2014 comezou a súa tese sobre as relacións entre a literatura e a gastronomía; segue niso e boa conta diso dá na Playlist de PontevedraViva Radio. A súa selección musical é un claro reflexo do seu periplo vital. Actualmente vive en Sheffield, xunto a Nuria, e non moi afastado do seu irmán César.
Cóntanos que prefire a tradución á escritura propia, porque na primeira ten a oportunidade de "deixar a túa pegada". Tanto nunha como outra vai sumando recoñecementos: Premio Eusebio Lorenzo Baleirón polo poemario "Con gume de folla húmida", Premio Lois Tobío con "Alén dá fronteira", Premio Etxepare con "Tempo de exilio",Premio Lueiro Rey con "A cadencia dá fractura" e o último Premio Nacional da Crítica de narrativa galega con "Non hai outro camiño". O de Isaac parece que é o de non parar moitos anos no mesmo lugar.