Neste 2017 Ana Pontón pasará a ser unha "versión 4.0" como algunha amizade lle recorda cando se fala de chegar aos 40. Se a portavoz nacional do BNG mírase a si mesma de nena definiríase como bastante introvertida, buscando o seu espazo en solitario coa lectura entre unha familia numerosa. Segundo a súa nai, unha nena tranquila, estudiosa e interesada polo que pasaba o seu redor.
Un interese pola súa contorna que lonxe de abandonala, debéuselle pegar á pel e con 16 anos entrou a formar parte de Galiza Nova. Esa entrada na política activa, conta que foi "de maneira moi natural", despois de colaborar nunha revista do seu instituto.
En Santiago estudou Ciencias Políticas e da Administración, unha etapa universitaria na que "aprendes a responsabilizarte da túa vida". Antes do seu primeiro contrato con cotización á Seguridade Social, tocoulle pasar por varios traballos "entre a economía mergullada". En 2004 conseguiu a súa primeira acta de deputada.
Aínda que se declara usuaria habitual de redes sociais, reivindica as conversacións de ti a ti nas que poder mirar aos ollos ao interlocutor. No tempo libre que dispón gústalle visitar á súa familia, pasear polos Ancares ou polo Courel "onde te sentes tan pequena nese contacto coa natureza". Tamén lle gusta o cinema, e recomenda unha película de un director-actor de orixe galego: "Mimosas" de Oliver Laxe.
A súa banda sonora é un reflexo de valores, ideas e sentimentos. Mesmo confesa que fixo algúns tenteos cantando, pero que por agora terán que seguir esperando. Un universo con "música do país", de diferentes paus, con algunha incursión folk foránea -pero reivindicativa- e un punto pop pero no seu momento revolucionario. E con algunha chiscadela e homenaxe á infancia e unha canción compartida con Alberte.