RADIO.-Anna Caballé: A proposta da denominación única de Congreso "é razoable e non pode escandalizar a ninguén"

Pontevedra
30 de xaneiro 2020

Charlamos en PontevedraViva Radio con Anna Caballé, Premio Nacional de Historia pola biografía 'Concepción Arenal. A camiñante e a súa sombra'. O segundo centenario do seu nacemento tróuxoa de novo a esta cidade. Preside ademais a Asociación Clásicas e Modernas que pediu ao Goberno a denominación 'Congreso' retirando a apostila 'dos Deputados'

Anna Caballé Masforroll en PontevedraViva Radio
Anna Caballé Masforroll en PontevedraViva Radio / Cristina Saiz

Como profunda coñecedora de Concepción Arenal, a escritora, crítica e profesora Anna Caballé Masforroll fala da prolífica galega do século XIX en PontevedraViva Radio. A súa obra biográfica 'Concepción Arenal. A camiñante e a súa sombra' reportoulle en 2019 o Premio Nacional de Historia. 

Revisamos no Cara a cara varias das máximas que defendeu a ferrolá sobre feminismo, relixión ou dereito penitenciario. Tamén sobre a lembranza do seu legado en vésperas do segundo aniversario do seu nacemento (31 de xaneiro de 1820). "Agora está a ocorrer o que ela desexaba porque a súa vocación primordial era a Filosofía, o pensamento; por tanto reconsiderar agora o pensamento ético de Concepción Arenal, considero que sería feliz", sinala.

Anna Caballé é ademais presidenta da Asociación Clásicas y Modernas, colectivo que defende a igualdade de xénero na Cultura. Este mesmo mes de xaneiro trascendeu publicamente o seu nome despois de que a vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, fixese pública a carta recibida a pedimento da asociación, solicitando que a denominación da Cámara Baixa pase a ser unicamente Congreso, excluíndo a apostila 'dos Deputados'.

"A nosa proposta é razoable e non pode escandalizar a ninguén. A lingua española, fortemente sexuada, ten un problema porque ten un uso abrumadoramente masculino -entendido como xenérico-. Por que salientar que é dos deputados?, cabe preguntarse onde están as deputadas, que son case a metade do Congreso. Entendo que na lingua española non podemos estar a desdobrar constatemente, pero tamén que as mulleres esiximos agora un respecto idiomático", explica.