RADIO.- Cara a cara coa presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín

Pontevedra
20 de setembro 2018

A Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia pechará o verán con boas cifras. Que acabe non significa que esta oferta tamén conclúa. Xa hai reservas para a ponte do Pilar, para nadal e mesmo - en Pontevedra e municipios limítrofes - para os Campionatos Mundiais de Tríatlon. Charlamos en PontevedraViva Radio coa súa presidenta, Dulcinea Aguín

Dulcinea Aguin, presidenta de AVITURGA no Cara a cara de PontevedraViva Radio
Dulcinea Aguin, presidenta de AVITURGA no Cara a cara de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Aviturga, a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, constituíuse hai dous anos a raíz do decreto regulador da administración autonómica sobre as vivendas de aloxamento vacacional. Dado que os seus primeiros asociados eran de Sanxenxo e Poio, a súa sede segue no municipio sanxenxino, dando cobertura a toda Galicia.

A súa presidenta, Dulcinea Aguín, apunta no Cara a cara que dispoñen actualmente de máis de oito mil prazas (camas); unha cifra en progresivo incremento.

Se preguntamos por este verán a resposta é que "en xeral bo. Xullo algo inferior respecto de 2017 e en agosto o tempo axudou. Terminaremos a tempada moi contentos e con moi boa ocupación en setembro". Esta opción vacacional non conclúe coa tempada estival; de feito, engade Aguin, axuda á desestacionalización.

Como exemplo: xa teñen reservas para as pontes de outubro, novembro e para nadal. Non só iso, para os Campionatos do Mundo de Tríatlon que se desenvolverán entre abril e maio en Pontevedra, Aviturga xa ten resservadas todas as vivendas de aloxamento vacacional das que dispoñen na capital e os municipios limítrofes.

Desde PontevedraVIva Radio a presidenta de Aviturga reclama o seu espazo dentro do sector turístico galego cunha pregunta: "por que as administracións non fan un estudo que reflicta o impacto económico que deixa este tipo de aloxamento?". Por agora, Aviturga dispón do seu termómetro a través do pormenorizado cuestionario aos seus clientes que chequea a oferta e demanda turística do lugar en que se aloxan.