RADIO.- Carlos Moreno: "Non creo en modelos de cidade, todo iso son estratexias de márketing"

Pontevedra
25 de outubro 2018

Falar de Carlos Moreno é falar dun gurú das cidades humanas intelixentes; isto é, de como deben ser as cidades do futuro para os seus cidadáns. PontevedraViva Radio charla no Cara a cara cun dos asesores da alcaldía de París

Carlos Moreno no Cara a Cara de PontevedraViva Radio
Carlos Moreno no Cara a Cara de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

A máxima 'modelo de cidade' non é válida para Carlos Moreno. "Nin modelos de cidade, nin máis intelixente, nin cidade máis atractiva, todo iso son estratexias de márketing. A cidade é moi complexa, cada cidade ten moitos elementos en cuestión. Unha cidade nunca está terminada, non é estática. As cidades viven, desenvólvense, cambian e o máis importante é como se adaptan ás transformacións e niso non hai modelo".

Quen o afirma é especialista en cidades humanas intelixentes; asesor da alcaldía de París, investigador e profesor na Universidade da Sorbona.

Á marxe de márketing, tamén engade en PontevedraViva Radio que Pontevedra "é fonte de inspiración pola súa capacidade de xerar calidade de vida urbana co desafío climático e o feito de que os coches non sexan o obxecto central da cidade, senón un elemento máis da cidade; pero outras cidades poden achegarlle tamén fontes de complementariedade".

Carlos Moreno participa en Pontevedra no Fórum Internacional RIES, auspiciado polo Clúster Saúde de Galicia e que propón analizar o impacto que a contorna ten na mellora da saúde e na calidade de vida das persoas que as habitan.

Charlamos no Cara a cara de cidades humanizadas nun contexto social de deshumanización; de intereses económicos nas transformacións urbanas, de problemas no acceso á vivenda, de ameazas terroristas nas cidades do futuro, de calidade de vida,... en definitiva que se ha de transformar, asumir, incorporar, eliminar das cidades de hoxe para facelas máis 'vivibles' no futuro.