RADIO.- Conversas na Ferrería: E para ti, cal é a mellor campaña publicitaria deste Nadal?

Pontevedra
28 de decembro 2018

Os profesionais da publicidade, márketing e comunicación que nos acompañan en PontevedraViva Radio  chequean as campañas máis exitosas deste Nadal

Chequeamos as campañas do Nadal nas Conversas na Ferrería
Chequeamos as campañas do Nadal nas Conversas na Ferrería / Mónica Patxot

Para as últimas Conversas na Ferrería deste ano propuxemos a catro profesionais do sector da publicidade, a comunicación e o márketing que nos acompañasen para facer un repaso polas campañas do Nadal que máis éxito están a ter nestas datas de 2018.

Esther Bailón, socia de Era Comunicación; Berta Nogueira, xerente de AB Comunicacións; Alberto Garnil, director de Iconweb e Natalia González, socia de Sra Nona, charlan desde o punto de vista profesional e desde o persoal. 

A presenza da internet e das redes sociais supón un cambio nas estratexias e resultados destas campañas. Os medios convencionais xa non son a única vía de chegar ao consumidor, quen ademais agora pode interactuar co anunciante e ser igualmente outro elemento difusor, para beneficio ou para prexuízo da marca.

Sobre a mesa van desfilando marcas tradicionais en Nadal que idearon propostas diferentes como foi  Freixenet ou El Almendro. Outras desas marcas tradicionais buscaron o revival recuperando slogans ou músicas, pero incorporando elementos actuais como Famosa, ou Coca Cola.

Entre o revival e a innovación, destácase a campaña de Volkswagen que recupera neste 2018 ao famosísimo protagonista de "Hola soy Edu... feliz Navidad". En casos como Loterías ou a galega Gadis, manteñen as súas ' leit motiv' con outras historias. Non pasamos por alto vídeos contundentes para chamar a atención sobre a realidade social como fai Cruz Vermella.

Apelar aos sentimentos, a emotividade é circunstancia omnipresente nestas campañas. Exemplos que sacamos en PontevedraViva Radio con Mediamarkt, Leite Pascual, Toys R Us, Apple, ou a británica John Lewis & Partner que viralizou a Elton John. Sen dúbida, a máis exitosa e case unánime para os invitados desta ocasión foi a lanzada pola marca galega Ruavieja e o seu 'Temos que vernos máis'. Exitosa ata o punto que a marca decidiu dirixir a actuación para pagar billetes de autobús para facer efectivo o lema.

Outra das campañas máis compartidas e virales deste Nadal é a de Ikea apelando a 'desconectar para volver conectar'. A última en chegar, esperada e que igualmente está a subir como a escuma é a de Campofrío. É a segunda mellor campaña entre os tertulianos. Sitúanos en LOL, a tenda do humor. A empresa volveu a contar con actores e humoristas españois para lembrarnos, non exentos de boa dose de crítica social, que o humor é artigo de primeira necesidade.