RADIO.- Conversas na Ferrería: Por unha 'estornela' dos 'arxinas' homologada

Pontevedra
21 de decembro 2018

Membros da Asociación de Canteiros de Poio demandan por varias vías unha homologación do título que se ofrece na Escola radicada nese municipio. Poñen voz ás súas reivindicacións en PontevedraViva Radio

Membros da Asociación de Canteiros de Poio nas Conversas na Ferrería
Membros da Asociación de Canteiros de Poio nas Conversas na Ferrería / Mónica Patxot

A solución á súa reivindicación é sinxela, a priori. Chámase "vontade política". Na Escola de Canteiros de Poio, cinco anos de estudo conclúen cun título que non ten ningún valor nin recoñecemento profesional. Por iso reclaman ás administracións competentes a homologación.

Nas Conversas na Ferrería contamos con Manuel Sestelo, Javier Diéguez, Esther Veiga, Aurea Díaz e Paulino Castiñeira, ex alumnos da escola e membros da Asociación de Canteiros de Poio. Están a reivindicar polos que xa pasaron polo centro, polos once que estudan agora e polos que poidan estudar nun futuro "se non seguen deixándoo morrer", como sinalan no programa.

Son varias as liñas reivindicativas que están a seguir, concentracións, reunións con gupos políticos, recollida de firmas en mesas informativas e a través da plataforma Change.org e o 31 deste mes levará ao pleno de Poio unha moción instando á Deputación Provincial e á Xunta a que realicen as pertinentes xestiones para homologar a formación que se ofrece neste centro en cinco anos.

Falan ademais en PontevedraViva Radio, de como naceu o centro, como asumiu a Deputación a súa titularidade e xestión, que prácticas seguíronse nestes máis de 30 anos, que saídas, oferta e demanda ten a profesión de canteiro e igualmente falamos das mulleres canteiras.

(Por se o titular induce a confusión ou incomprensión: estornela e arxinas son dous termos que utilizan os canteiros na súa xerga particular. A primeira significa escola e a segunda canteiros).