RADIO.- Debatemos, que ten máis garantías de futuro a FP ou a universidade?

Pontevedra
19 de decembro 2021

Partindo da cuestión: que é garantía de futuro, mantemos unha charla en PontevedraViva Radio sobre as posibilidades de futuro que ofrece aos mozos de hoxe estudar un ciclo de Formación Profesional ou unha carreira universitaria

David Castro, Santiago Ferrer e Manuel Ramos participaron nesta edición das 'Conversas na Ferrería'
David Castro, Santiago Ferrer e Manuel Ramos participaron nesta edición das 'Conversas na Ferrería' / Mónica Patxot

A varias xeracións repetíronlles unha máxima: estuda se queres ter un futuro. Estuda, significaba accede á universidade. E entrados na segunda década do século XXI, unha carreira universitaria é garantía de futuro?, hai mellores garantías cursando ciclos de Formación Profesional?. Abordamos o tema no podcast das 'Conversas na Ferrería'.

Sentamos diante dos micrófonos de PontevedraViva Radio a Santiago Ferrer, director do CIFP A Xunqueria de Pontevedra; a David Castro, director do Instituto Torrente Ballester tamén de Pontevedra e ao vicerrector de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo, Manuel Ramos.

Comezamos a charla ao redor dun concepto: que é garantía de futuro actualmente?. Plantexamos outros interrogantes como: se houbo adaptación das carreiras universitarias e ciclos de Formación Profesional ás demandas laborais, se persisten prexuízos cara á FP, que perfís son os que antes se están incorporando ao mercado laboral, se prexudica a sobrecualificación, ou se os salarios correspóndense á cualificación alcanzada. 

Evidéncianse datos destacables como que o 20% dos estudantes universitarios abandonan ou cambian a titulación que empezaron a cursar.

Mentres a porcentaxe media europea de poboación universitaria está no 38%, en España é do 46% e países como Dinamarca ou Finlandia "déronse conta que o mercado laboral demanda un perfil profesional do que aquí aínda estamos a escapar".

Segundo o SEPE (2021) a empregabilidade da FP é do 42% e a da universidade do 38%.