RADIO.- "É mellor estar seguros que facer unha vacina rapidamente e que non sexa a solución"

Pontevedra
30 de xuño 2020

A bióloga pontevedresa Andrea Muras é partícipe dunha investigación que permite novos tratamentos para as enfermidades bucodentais. Como científica non é allea ás demandas que esta comunidade reclama nun momento no que o mundo agarda unha solución para o coronavirus

A bióloga pontevedresa, Andrea Muras
A bióloga pontevedresa, Andrea Muras / PontevedraViva

O mundo está pendente da comunidade científica á espera de que dos seus laboratorios salga esa vacina que devolva a verdadeira normalidade. Mentres tanto os científicos españois mobilízanse virtualmente; algo que levan facendo anos na rúa para evidenciar a precariedade laboral en que se desenvolven. Un exemplo da tesitura é a bióloga pontevedresa Andrea Muras, á que traemos ao programa Mentres isto dure.

Ata a pasada semana estaba contratada pola Universidade de Santiago. O grupo de Aquabiotec da USC, en colaboración con odontólogos do Sergas
e investigadores da empresa Dentaid, realizaron unha investigación que abre a posibilidade de novos tratamentos para as enfermidades bucodentais, a cuarta patoloxía máis cara de tratar no mundo. 

Conseguiron cunha enzima patentada reducir o 80% de placa dental. "É moi interesante porque se es capaz de previr a placa dental e tes unha hixiene bucocental normal vai reducir moitísimo este tipo de enfermidades" ademais doutras doenzas que van asociadas ás patoloxías bucodentais. A investigación por agora seguirá, pero con menos recursos humanos. É a situación deste proxecto e como apunta esta bióloga "salvo algúns grupos superpotentes a maioría estamos a vivir ao día".

"Son momentos económicos moi complicados, pero se se quere que acheguemos á sociedade o noso coñecemento, tamén necesitamos unhas condicións dignas" lembra Andrea Muras o mesmo mes en que o Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación reflicte uns recortes do 40% e deixa sen financiamento a máis de mil cincocentos proxectos avalados por satisfactorias referencias científicas. "É moi importante que os científicos estean a traballar en moitos tipos de coñecementos porque pode chegar un momento - como pasou agora - en que eses coñecementos sexan fundamentais", di en PontevedraViva Radio.

A sociedade tamén necesita saber como funciona a Ciencia, como son os procesos científicos e o exemplo é a situación actual. "Non se pode pretender que ante algo novo, póidase conseguir de súpeto un medicamento ou unha vacina. Hai moitos grupos que están a traballar niso e é grazas a que había grupos que xa estaban a estudar estes virus". Se ansía un remedio canto antes, pero expón esta reflexión: "é supercomplexo porque non só hai que demostrar que ese remedio é efectivo fronte ao coronavirus, senón tamén hai que demostrar que a protección non teña efectos secundarios que poidan prexudicar. É mellor estar seguros que facer unha vacina rapidamente e que non sexa a solución".