RADIO.- Escolares do CEIP Viñas protagonizan as Conversas na Ferrería

Pontevedra
27 de xaneiro 2017

Alumnos de cuarto, quinto e sexto curso do CEIP Viñas de Poio son esta semana os protagonistas das Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio. PontevedraViva foi o destino proposto para esta actividade escolar, na que coñeceron como é o traballo deste xornal dixital e na radio "en liña". 

Os alumnos do Colexio público de Viñas visitan PontevedraViva
Os alumnos do Colexio público de Viñas visitan PontevedraViva / Mónica Patxot

Ata 37 participantes teñen as Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio nesta ocasión. Para esta actividade escolar, propuxemos a cada curso un tema diferente.

Os alumnos de cuarto do CEIP Viñas de Poio deixaron constancia do que lles gustaría que se conseguise neste 2017. As consecucións resultaron ser reivindicativas e de implicación colectiva: mellorar e habilitar parques no seu municipio, melloras no seu colexio, máis investigación das enfermidades, erradicar o bulling, máis axudas para familias e persoas sen recursos, unha práctica do fútbol igualitaria para mozos e mozas ou solución para as economías domésticas que non poden soportar as actuais tarifas eléctricas, foron algunhas das súas propostas.

Os escolares de quinto curso traballaron no ámbito da promoción turística. Plantexamos: que lle recomendarías a un visitante para que veña a Pontevedra? e desde logo, saben recoñecer as virtudes coas que conta a súa contorna.

E falando de contorna, os mozos e mozas de sexto curso puxeron a atención nun espazo natural ao preguntarlles cal consideraban que fora a noticia máis importante no seu municipio durante 2016. Resposta: a necesidade dunha depuradora que resolva o gozar para veciños e visitantes da praia do Laño, en Raxó.

Concluída a experiencia, -na que coñeceron a través das explicacións dos xornalistas de PontevedraViva como é o día a día desta profesión-, toca felicitar a estes estudantes e ás súas profesoras Sonia, Belén, Mabel e Carmen, polo labor previo para este programa; e por suposto, pola súa visita.