RADIO.- Facemos balance nas Conversas na Ferrería: "Etiqueta Negra ten un futuro inmenso"

Pontevedra
15 de novembro 2019

Recentemente terminada a cuarta edición da feira do gourmet gallego, Etiqueta Negra, facemos balance en PontevedraViva Radio con parte da organización e algúns participantes

Alberto Lendoiro, Yoya González, Vanesa López e Rubén González nas Conversas na Ferrería
Alberto Lendoiro, Yoya González, Vanesa López e Rubén González nas Conversas na Ferrería

Tan só con catro anos de presenza en Pontevedra, Etiqueta Negra fíxose un oco "serio e importante" entre os produtores, distribuidores, restauradores, gastrónomos e sector do gourmet de Galicia. Non só da comunidade, segundo se extrae das conclusións que se expoñen nas Conversas na Ferrería, senón tamén de fóra, xa que desde Portugal ou México recibe a organización do evento solicitudes de participación.

Sentan aos micrófonos de PontevedraViva Radio a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; Vanesa López da empresa Trisquelia; o cociñeiro Rubén González (El Cafetín) e Alberto Lendoiro da firma Natural Snack Lab.

A responsable municipal apunta que "non coñezo unha persoa que pasase por Etiqueta Negra e que non me deu o parabén", o cal atribúe a organización e participación profesional. Deixando constar tamén que a participación do público non profesional foi igualmente satisfactoria.

A experiencia do produtor témola con Alberto Lendoiro, da empresa Natural Snack Lab, que por primeira vez participaba nesta feira e que se mostra totalmente satisfeito co resultado da súa presenza: "ía coa intención de promocionarme e non só iso, senón que o primeiro día vendera todo o produto que levara" e fixo ademais múltiples contactos con distribuidores que tamén están presentes en Etiqueta Negra.

Un dos nomes propios dos fogóns galegos está en Pontevedra, en El Cafetín e chámase Rubén González. No seu caso, impartiu un showcooking e apunta o nivel das propostas profesionais que se ofrecen, así como a calidade e variedade dos produtos que se mostran. Di nesta charla das Conversas na Ferrería que "queda tempo e capacidade de madurar, pero Etiqueta Negra ten un futuro inmenso". 

O retorno económico para os produtores é indubidable, corrobora Vanesa López: "dinnos que recuperan a invesión feita para participar coas vendas. Ademais para bo número os contactos que abren e a difusión mediática que lles reporta sería imposible a título particular".