RADIO.- Familias acolledoras durante as vacacións e máis...

Pontevedra
28 de xullo 2017

326 nenos saharauís pasan este verán en Galicia. Son os pequenos que comparten coas súas familias de acollida a iniciativa "Vacacións en paz" que promove a ong Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Un proxecto que se puxo en marcha en 1991 e do que falamos con tres destas "mamás acolledoras" e tres pequenas en PontevedraViva Radio

Rosana xunto a Umlajut; Keny con Jadana y Iovana con Enguía en PontevedraViva Radio
Rosana xunto a Umlajut; Keny con Jadana y Iovana con Enguía en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Desde 1991 Sogaps, a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, promove a acollida temporal de nenos saharauís durante os meses de xullo e agosto. "Un proxecto que economicamente supón un esforzo importantísimo" sinala Rosana Rey, delegada en Pontevedra e Salnés. Contan con achegas da Xunta, que este ano asumiu o custo dos voos, de deputacións e dalgúns concellos galegos.

Neste verán de 2017 son 326 os menores que poden saír dos campamentos de refuxiados do Sahara Occidental e pasar unhas "vacacións en paz" que é como se chama este proxecto.

Nestas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio acompáñannos ademais de Rosana Rey a súa filla saharauí Umlajut, unha nena que pasa este ano o seu quinto verán en Vilanova de Arousa. Domina xa perfectamente o castelán, fala dos seus tres irmáns galegos e di de Rosana que é unha "mamá espectacular". 

Jadana e Enguía pasan o seu primeiro verán en Pontevedra e Ponte Sampaio respectivamente. Aprenden o idioma coa familia de Rosa Tejada e Yovana Miñán. Rosa é "primeriza" na acollida, foi o seu marido quen lle convenceu para ser familia acolledora despois de que este último visitase os campamentos de refuxiados. Jadana tamén ten un irmán galego de tres anos.

Yovana decidiu este 2017 a participar da experiencia, leva unha semana con Enguía e a empatía e os lazos que crearon xa son máis que evidentes. A pequena tamén ten un irmán galego de dous anos e medio, e cóntanos que lle gusta igualmente o gato e o can da súa familia pontevedresa.

Ambas, Rosa e Yovana, teñen intención de viaxar ao Sahara e coñecer ás familias biolóxicas de Jadana e Enguía. Rosana xa o fixo e chama "irmán" ao pai de Umlajut. Pon tamén o acento na situación que se prolonga desde hai máis de 40 anos na que foi colonia española. Unha historia recente, próxima e lamentablemente descoñecida e silenciada.