"Todos los niños saharauis queremos que nuestro país sea libre", así se expresaba unha das nenas saharauís que pasan o verán na provincia de Pontevedra a través do programa ' Vacacións en paz' na Subdelegación do Goberno. A asociación SOGAPS coa que colaboran numerosas familias en Galicia promove que se acollan estes menores, que se atopan en campamentos de refuxiados durante o resto do ano e que aproveitan estes meses para gozar duns días de diversión en diferentes puntos de Galicia e realizan revisións médicas.
Este martes, a Subdelegación do Goberno recibía por primeira vez a estes nenos, que ían acompañados por familias de acollida e pola presidenta de SOGAPS, Maite Isla, que mostraba a súa satisfacción pola implicación que a subdelegada Maica Larriba manifestou cara á causa saharauí. A representante do Goberno en Pontevedra sinalou que ela seguira os acontecementos da descolonización do Sahara coa ferida profunda do dereito de autodeterminación dun pobo e para a Subdelegación era un orgullo abrir as portas do edificio a estes invitados especiais.
Os ao redor de trinta menores que realizaron a visita regaláronlle á subdelegada unha planta cunha bandeira saharauí e Maica Larrriba contou a súa experiencia de convivencia en San Vicente do Grove cunha nena saharauí que pasou alí varios veráns e deixou unha "impronta profunda no corazón".
Este verán, 147 menores con idades comprendidas entre os 4 e os 13 anos, procedentes dos campos de refuxiados de Tinduf (Alxeria) foron acollidos en concellos da provincia.