RADIO.- Os Premios Cidade de Pontevedra 2017 aúnan futuras accións en PontevedraViva Radio

Pontevedra
19 de xaneiro 2018

Este 20 de xaneiro serán os protagonistas do pleno de honra no Teatro Principal. Son os merecedores dos Premios Cidade de Pontevedra 2017. Víctor Pedreira, psiquiatra e impulsor da Plataforma SOS Sanidade Pública, xunto a Daniel Rivera e Pablo García da Escola de Xadrez Pontevedra comparten charla e futuros proxectos nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio

Os Premios Cidade de Pontevedra 2017 en PontevedraViva Radio
Os Premios Cidade de Pontevedra 2017 en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

As dúas partes premiadas cos Cidade de Pontevedra 2017 non se coñecían persoalmente ata a consecución destes premios. Nesta  charla das Conversas na Ferrería en PontevedraViva Radio   xurdía un compromiso que se pode escoitar no devandito programa: trasladar a práctica do xadrez e os seus efectos terapeúticos ao ámbito das persoas con enfermidades mentais. 

Víctor Pedreira, a día de hoxe xa xubilado como psiquiatra no CHOP, repasa como as enfermidades mentais han ido evolucionando no seu tratamento sanitario e asistencial, así como na percepción das mesmas por parte da propia sociedade. Para este impulsor da Plataforma SOS Sanidade Pública, este recoñecemento "é un bálsamo, un premio moi terapeútico" tras as circunstancias en que se desenvolveron os últimos momentos da súa actividade profesional no Complexo Hospitalario de Pontevedra.

"A gran familia" da Escola de Xadrez Pontevedra están "aínda dixerindo" a concesión do premio, di Daniel Rivera, "unha felicidade colectiva" como engade Pablo García. A Escola comezou en 2001 con actividades para escolares, logo sumáronse outras iniciativas de carácter social que ata a data culminaron e continuarán "in situ" o próximo marzo con escolas de xadrez en campos de refuxiados de Xordania e Siria. Pablo García tamén expón nestas Conversas na Ferrería como o xadrez axuda a mellorar a sociedade. E como, a pesar de que España, non é o mellor exemplo da súa práctica e introdución no sistema educativo, desde Pontevedra si están a poñer o seu "granito de area" nese obxectivo.