O programa Podcans ofrece o último programa deste 2020 co anuncio dunhas novas instalacións para aqueles afíns aos cans. Trátase de Sportcan, un campo de actividades caninas que se habilitou na parroquia de Lérez. A súa primeira actividade terá lugar esta próxima fin de semana cunha competición de Agility.
Explica todos os detalles Carlos Souto Tobío, do Club Agility Lecocq-Mat's de Pontevedra e delegado para Galicia de Agility, que volve a Podcans. Este espazo, situado no lugar de Couso, acollerá o sábado 26 e o domingo 27 este evento no que se darán cita ata un centenar de cans de toda Galicia.
A competición organizouse con todas as medidas de seguridade ás que obriga a situación de pandemia e poderán acudir todas aquelas persoas que teñan interese neste deporte con cans, que queiran coñecer esta nova dotación. Xunto a Diego Álvarez, educador canino e condutor do podcast de PontevedraViva Radio, o proxecto pretende converterse ademais nun club durante o ano próximo, que organizará tamén outra serie de eventos.
Como ambos lembran no programa, o agility é unha práctica deportiva na que realizan exercicio físico, tanto os cans como os seus guías. Actividade que pode practicar calquera tipo de can, grande ou pequeno, de raza ou non; así como persoas de todas as idades, desde nenos ata adultos sen límite de idade.