RADIO.- Por que non se promociona a Lei de Segunda Oportunidade? Unha ferramenta legal ante crises financeiras

Pontevedra
15 de abril 2022

Co libro 'A lei da miña segunda oportunidade. Como conseguín superar unha crise financeira e volver empezar', Álvaro Agulla relata a súa experiencia persoal para que particulares e autónomos en situacións semellantes coñezan esta ferramenta legal. Acompañounos no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

Álvaro Agulla autor de 'A lei da miña segunda oportunidade. Como conseguín superar unha crise financeira e volver empezar'
Álvaro Agulla autor de 'A lei da miña segunda oportunidade. Como conseguín superar unha crise financeira e volver empezar' / Mónica Patxot

'A lei da miña segunda oportunidade. Como conseguín superar unha crise financeira e volver empezar' pode catalogarse como un libro de autoaxudaÁlvaro Agulla describe nestas páxinas a súa experiencia, as vicisitudes ás que se enfrontou, a ferramenta que atopou para chegar a unha solución e o desenlace que tivo. O relato do periplo pode servir de guía para outros particulares ou autónomos que se vexan nunha tesitura semellante.

'A lei da miña segunda oportunidade. Como conseguín superar unha crise financeira e volver empezar' é tamén un libro divulgativo dunha normativa: a Lei de Segunda Oportunidade á que parece, non interesa dar publicidade. Aprobada en 2015, dirixida a particulares e autónomos, está asentada nun acordo extraxudicial do pago de débeda e na posibilidade dunha exoneración das cargas económicas insatisfeitas. 

 Agulla estima que pouco máis de trinta mil persoas acolléronse a esta normativa desde a súa aprobación: "unha cifra ínfima tendo en conta todos os problemas que se xeraron estes anos entre particulares e autónomos. Italia, Alemaña ou Inglaterra téñena hai anos e funciona moi ben para a cidadanía, non claro para os bancos, que perden un diñeiro", comenta no podcast  'Cara a cara'.

Este bueuense, fincado en Marín e profesionalmente dedicado á comunicación, acolleuse á Lei de Segunda Oportunidade dous meses antes do inicio do confinamento, unha circunstancia sobrevinda á pandemia que ademais supuxo unha guillotina no sector co que estaba a traballar e que se prolongou ata ben entrado o 2021, cando empezou a retomar a actividade moi lentamente.

Na charla que mantemos en PontevedraVIva Radio tamén emerxen cuestións como as connotacións pexorativas que acompañan á palabra fracaso empresarial e alerta sobre a cara b que teñen as promocionadas tarxetas revolving.