RADIO.- Rastrexadores do Exército: "a final de xuño a media diaria era de dúas ou tres mil chamadas e a pasada fin de semana chegouse a once mil"

Pontevedra
04 de agosto 2021

Militares da Brilat e da Armada cumprirán o próximo setembro un ano realizando a función de rastrexadores telefónicos durante a pandemia, un traballo que cumpren no marco da Misión Baluarte. Falamos en PontevedraVIva Radio co comandante Juan Carlos Rodríguez Gómez, xefe da Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica de Galicia

Comandante Juan Carlos Rodríguez Gómez, xefe da Unidade de Vixlancia Epidemiolóxica de Galicia
Comandante Juan Carlos Rodríguez Gómez, xefe da Unidade de Vixlancia Epidemiolóxica de Galicia / Mónica Patxot

O próximo setembro a Misión Baluarte do Exército cumprirá un ano operativa. Unha misión a través da cal militares do Exército de Terra e da Armada traballan como rastrexadores telefónicos entre contactos estreitos de persoas positivas en covid-19. No caso de Galicia o xefe da Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica é o comandante Juan Carlos Rodríguez Gómez, con quen falamos no podcast 'Mentres isto dure'.

Explica como é a formación e procedemento que están a realizar desde fai once meses. O número de rastrexadores en cada momento  da pandemia xa reflicte o seu maior ou menor incidencia. Durante este pasado xullo, duplicáronse. "Hai relación directa entre como evoluciona a pandemia e como nós a afrontamos co incremento de efectivos" explica o comandante Rodríguez Gómez engadindo outro dato: "a finais de xuño a media diaria era de dous ou tres mil chamadas e esta pasada fin de semana chegouse a once mil".

Ademais estes contactos telefónicos tamén permiten extraer un perfil das persoas que en cada momento da pandemia son as máis contaxiadas. Nesta onda a idade máis afectada fluctúa ao redor dos trinta anos "e é significativo o aumento de chamadas que se fai a adolescentes", sinala en PontevedraViva Radio.

A súa función non está exenta de dificultades e por diversa causalidade: "nalgúns casos resulta complicado pechar o círculo de contactos estreitos porque en ocasións non son persoas desta Comunidade, porque a rede de contactos dos mozos é máis ampla e ás veces non saben os seus datos concretos. E outra circunstancia que se presenta as veces é non facilitar todos os contactos para evitar corentenas domiciliarias"; actitude que lamenta xa que "fraco favor está a facerse para atallar a pandemia".

Non se contempla un final próximo desta Misión Baluarte. Mentres tanto "cos rastrexadores activos neste momento, estamos en condicións de cumprir a misión de maneira satisfactoria e plena e estaremos atentos á evolución da pandemia e as necesidades que teña a Xunta para afrontar a situación con total capacidade e garantías" conclúe o xefe da Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica de Galicia.