RADIO.-"Temos que manter e con maior rixidez as medidas que nos protexen: distancia social e máscara"

Pontevedra
09 de marzo 2021

As variacións que presenta e presentará o SARS- CoV-2 favorecen a súa dispersión; así que non hai lugar para a relaxación e é fundamental un comportamento responsable. É unha das conclusións que trae a PontevedraViva Radio, María Isabel Bandín, viróloga da USC

María Isabel Bandín Matos, viróloga e profesora da Facultade de Bioloxía da USC
María Isabel Bandín Matos, viróloga e profesora da Facultade de Bioloxía da USC / PontevedraViva

Os virus mutan de forma natural e por tanto este coronavirus, causante da COVID-19, non é alleo ás mutacións. O SARS- CoV-2 muta de forma frecuente, unha media de dous cambios ao mes. Con eses cambios o que busca é perpetuarse na poboación porque necesita "as nosas células para sobrevivir". Unhas mutacións non teñen transcendencia, é dicir non cambian o seu comportamento cando infecta ás persoas; e outras si. 

Explícao en 'Mentres isto dure' a viróloga María Isabel Bandín Matos, profesora do Departamento de Microbiología e Parasitología na Facultade de Bioloxía da USC. Esas mutacións con transcendencia "supoñen que poidan infectarnos mellor".

E iso é o que ocorre coas variantes identificadas como a británica, brasileira ou surafricana: "todas se transmiten mellor que o virus orixinal. Isto non implica que agraven a enfermidade, pero si implican máis persoas infectadas e por tanto máis persoas que poidan acabar no hospital ou a UCI".

É por iso que Isabel Bandín fai unha importante apelación: "temos que seguir mantendo e con maior rixidez, as medidas que nos protexen. Isto é, distancia social, máscara... non podemos relaxarnos". A persistencia do coronavirus - á marxe de tratamentos farmacolóxicos - "depende moitísimo do noso comportamento". 

Preguntámoslle tamén a esta investigadora pola efectividade e tempo de protección das vacinas tendo presentes esas frecuentes mutacións; así como pola importancia de secuenciar constantemente o coronavirus para detectar mutacións con efectos na enfermidade que provoca. As respostas, telas neste podcast de PontevedraViva Radio.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora