RADIO.- Vuelvo a Pontevedra: "Seguimos sendo un destino seguro para recibir turismo"

Pontevedra
02 de agosto 2020

 Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra fala en PontevedraViva Radio de resultados neste sector tras un primeiro mes no que "progresamos adecuadamente"

Yoya Blanco Mónica Patxot

Neste estraño verán de 2020, marcado pola COVID19, a concelleira de Promoción Económica e Turismo en Pontevedra, fai un primeiro balance do resultado do mes de xullo para o sector. "A pesar da tesitura, é obvio que hai movemento de turistas", sinala  Yoya Blanco, "progresamos adecuadamente". Un dos exemplos da aseveración lévao á participación que desde o seu inicio están a rexistrar as visitas guiadas polo centro histórico da cidade.

Este turismo ata a data, responde ao visitante diana no que quere incidir a campaña #VuelvoAPontevedra: un turista de proximidade que escolle este destino para repetir ou visitalo por primeira vez. A concelleira socialista insiste que é un destino seguro, que responde os requisitos que esixe o momento actual.

Blanco fala tamén dunha das exitosas propostas que se estrearon este xullo, os roteiros de pádel surf polo Lérez, que na súa segunda convocatoria para o mes de agosto, volveron a esgotarse. E falando do novo mes estival que comeza "espérase que sexa máis forte, máxime tendo en conta que Pontevedra estará en festas, cun programa iso si, adaptado á situación". Ademais dos eventos festivos, tamén apunta os deportivos que se contemplan "que sempre traen turismo". 

Para completar o programa de PontevedraViva Radio, varias recomendacións para visitar emprazamentos que ofrecen unhas estupendas vistas panorámicas da cidade de Pontevedra.