Rafa Domínguez acusa o goberno de Fernández Lores de "dar as costas ao comercio local"

Pontevedra
15 de maio 2020

O presidente local do PP mantivo un encontro co sector hostaleiro e recolle como principal demanda a exención de taxas e impostos municipais durante o período en que estiveron pechados ao público

Encontro telemático do PP local con hostaleiros
Encontro telemático do PP local con hostaleiros / Partido Popular de Pontevedra

Rafa Domínguez, presidente do Partido Popular de Pontevedra, co concelleiro Pablo Fernández, mantiñan un encontro telemático este venres con representantes da Asociación de Hostaleiros e Empresarios de Pontevedra. Durante esta cita analizouse a situación deste sector no municipio.

O portavoz municipal do PP comprometeuse a "dar voz ás demandas da hostalería fronte o Concello, nun momento moi crítico debido á crise do coronavirus".

Por este motivo, considera que o Concello ten capacidade para modificar as súas taxas e pide ao goberno local que non se esconda "na mentira de que todas as medidas débenas tomar o goberno autonómico e central", apunta Domínguez ao afirmar que "dar as costas ao comercio local agora é irresponsable. Están a condenalos".

O PP sinala que os hostaleiros lle trasladaron como principal demanda a exención das taxas e impostos durante o período en que a súa actividade viuse interrompida. Para Rafa Domínguez esta postura é lóxica e o luns, durante a celebración do pleno municipal, tratará este tema durante a sesión.

"Votar en contra desta medida supoñería a condena do comercio local e aos autónomos de Pontevedra. Espero que o BNG e o PSOE recapaciten e empecen a traballar polo ben de Pontevedra", dixo.

Domínguez entende que a falta de sensibilidade e consideración cara este sector é unha imprudencia: "O Concello non escoita aos hostaleiros" e refírese a que diferentes concellos da contorna, de diferentes cores políticas e con diferente capacidade económica, xa lanzaron axudas, referíndose a Marín, Poio, Compostela ou Madrid.

Pola súa banda, Pablo Fernández recolleu outras medidas demandadas para impulsar ao comercio local unha formación en comercio electrónico, suspensión da taxa de auga e lixos, a de terrazas, a modificación orzamentaria para crear un fondo de axudas sociais e económicas, a creación dunha marca identificativa para o comercio local e a posta en marcha dunha plataforma de venda de produtos fabricados e ofertados en Pontevedra.