Rafa Domínguez reclama "menos composteiros comunitarios en pleno centro e máis limpeza"

Pontevedra
07 de abril 2021

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, puxo de manifesto este mércores o "terrible déficit de limpeza e o moi mellorable servizo de recollida de lixos" da cidade. Dous feitos que, en determinados puntos tanto do rural como do propio centro urbano, "están a xerar problemas de salubridade"

Composteiros da rúa Xeneral Rubín-Paseo de Valle Inclán Mónica Patxot

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, puxo de manifesto este mércores o "terrible déficit de limpeza e o moi mellorable servizo de recollida de lixos" da cidade. Dous feitos que, en determinados puntos tanto do rural como do propio centro urbano, "están a xerar problemas de salubridade". 

É por iso que o portavoz dos populares solicitará no próximo Pleno municipal un estudo para a recolocación dos contedores de lixo no centro urbano. 

A esa demanda, súmase a petición dos populares de importar o modelo de recollida de lixo porta a porta aplicado en Oviedo, segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), a cidade máis limpa de España.

Segundo indicou Rafa Domínguez, "Pontevedra é a cuarta cidade española coa taxa de lixos máis alta e a cidade galega na que máis pagamos, segundo datos da  OCU. Nunha situación normal, este servizo que recibimos sería excelente, pero o que temos en cambio é unha prestación pésima. A acumulación de lixo no primeiro tramo da rúa Rosalía de Castro é esaxerada e o  Concello pouco ou nada fai para emendar a situación. Menos composteiros comunitarios en pleno centro e máis limpeza", expresou nun comunicado de prensa.

O PP propón unha mellora da recollida en áreas especialmente sensibles, como son zona monumental e áreas comerciais. Neste sentido, Domínguez apuntou que "non ten xustificación que haxa unha fila de contedores no lateral do noso Teatro Principal, un dos edificios máis emblemáticos da nosa cidade; nin ten xustificación que o Colexio Médico de Pontevedra, lugar que representa a este colectivo da nosa cidade, precisamente no ano da pandemia, teña unha muralla de contedores que dificulta o seu acceso".