Rafa Domínguez, sobre a xestión de residuos: "O BNG de Lores debería ser máis humilde e menos soberbio"

Pontevedra
24 de febreiro 2019

O portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, segue apostando pola proposta presentada días atrás polo seu partido para a xestión de residuos sólidos urbanos e considera que as críticas do Goberno local ao seu proxecto son resultado da soberbia do grupo de goberno nacionalista

Rafa Domínguez, en rolda de prensa
Rafa Domínguez, en rolda de prensa / Mónica Patxot

O portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, segue apostando pola proposta presentada días atrás polo seu partido para a xestión de residuos sólidos urbanos e considera que as críticas do Goberno local ao seu proxecto son resultado da soberbia do grupo de goberno nacionalista. "O BNG de Lores debería ser máis humilde e menos soberbio", valora o edil 'popular'. 

Domínguez considera "curioso" que desde o Goberno que preside Miguel Anxo Fernández Lores valoren o sistema de xestión de residuos porta a porta como anticuado cando actualmente está a funcionar perfectamente en cidades como Oviedo, Madrid ou París e, en cambio, "continúen forzando a implantación da compostaxe a pesar de resultar un auténtico fracaso".

O portavoz do PP centra as súas críticas no proxecto de compostaxe, pois asegura que o Concello investiu preto duns 1,5 millóns de euros durante os últimos anos e "o único que conseguiron é enfadar aos veciños e que Pontevedra continúe incrementado a cantidade de residuos que envía a Sogama". Ademais, lembra que desde 2015 o Concello paga polo aluguer duns terreos na Canicouva nos que se ía a instalar unha planta de compostaxe para a aínda non hai nin proxecto. 

Ademais, critica que os contedores situados diante das fachadas de vivendas e comercios supoñen problemas de visibilidade, impiden que se poida facer uso dos escaparates e provocan un feísmo que a cidade "non se merece" e aposta por un sistema de recolleita porta a porta cuxa implantación se fará de maneira progresiva, por fases, comezando pola zona comercial. 

Segundo asegura, este sistema de recollida de lixos porta a porta cumpre con todos os requisitos marcados pola normativa europea e mesmo aumentará a implicación veciñal na reciclaxe. Neste sentido, o presidente dos populares reiterou que aqueles veciños que colaboren beneficiaranse dunha redución dun 25% no recibo do lixo, mentres que os que non queiran participar seguirán pagando o mesmo.