O PP leva ao pleno municipal o caso da cuñada de Carmela Silva

Pontevedra
12 de marzo 2019

O Partido Socialista solicitou un informe do secretario municipal sobre a ilegalidade de presentar unha moción sobre este tema ao entender que se trata dun tema persoal e que non compete ao Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra lendo as mocións que van ao pleno de marzo
O alcalde de Pontevedra lendo as mocións que van ao pleno de marzo / PontevedraViva

O Partido Popular presenta unha moción para que se debata no pleno municipal este venres 15 sobre o caso da cuñada da presidenta da  Deputación Provincial, Carmela Silva, tal e como esta agrupación política xa o fixera no pleno da Deputación e no pleno municipal de Vigo. 

No caso de Pontevedra, a agrupación socialista tamén solicitou un informe do secretario municipal, segundo informaba este martes o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores. O PSOE considera ilegal esta moción porque trata temas de carácter persoal e non compete ao Concello de Pontevedra. En Vigo produciuse unha situación similar no pleno de febreiro e, naquel caso, o secretario desestimou a petición para anular a moción popular.

Fernández Lores confirmou que, a espera dese informe, o tema irá a pleno. "Outra cousa será ou que digamos alí", indicou o rexedor da capital.

Os populares tamén levarán a debate a suspensión do plan de compostaxe e a petición dun apoio expreso á Brilat e ao traballo que realizan nas misións humanitarias. 

Pola súa banda, o PSOE presenta dúas mocións, unha en relación con axudas para familias con persoas dependentes e outra sobre a eliminación de publicidade sexista no termo municipal.

Marea Pontevedra tamén levará dous temas ao pleno. Un sobre crematorios, que aínda non presentou, e outro sobre a recuperación das concesións na Xunqueira de Alba

Por último, Cidadáns expón dúas mocións, unha sobre bolsas para comedores escolares e outra sobre o plan de conciliación da vida familiar coa laboral.

Fernández Lores avanzou que en maio xa non se vai a convocar a sesión plenaria ao coincidir co período electoral e a de abril adiantarase debido á campaña electoral que comeza o 11 dese mes.