A Concellaría de Economía, que dirixe Raimundo González, encargado de xestionar os investimentos do contrato do ciclo da auga, ten executado en dous anos 44 millóns de euros en 28 proxectos destinados a completar as redes de abastecemento de auga potábel e de saneamento nas parroquias do rural.
Están executados ou pendentes de rematar o 76,4% dos 58 millóns de euros en investimentos comprometidos pola empresa concesionaria Viaqua, na oferta gañadora do contrato da auga que se asinou en setembro de 2018.
O concelleiro responsable desta xestión, Raimundo González, amosouse moi satisfeito ao coñecer as cifras concretas nunha reunión mantida esta semana coa empresa concesionaria na que fixo repaso do cumprimento do contrato, do ritmo das obras e dos proxectos pendentes.
O obxectivo da concellaría é ter licitados nos vindeiros meses os 11 contratos que, a día de hoxe, xa redactados e á espera da resolución de diversos trámites, e continuar co bo ritmo de execución. A metade deles están por debaixo do millón de euros, incluso do medio millón de euros.
Nestes proxectos pendentes, todos eles redactados e á espera de diversos trámites, están incluídos as segundas fases dos saneamentos de Santo André de Xeve e Verducido, ou os saneamentos para completar as redes de Marcón, Tomeza ou Cerponzóns.