A parroquia de Lourizán asumirá en breve prazo de tempo as obras para completar a rede de abastecemento, despois de que se tramitara fóra da orde do día na Xunta de Goberno deste luns 21 no Concello de Pontevedra.
Segundo informaba a portavoz municipal Anabel Gulías, o prazo de execución desta obra é de cinco meses e conectará a planta de tratamento de auga potable (ETAP) situada en Lérez coa parroquia a través dun investimento de 576.982 euros, IVE engadido.
Gulías indica que estes traballos afectan a 255 persoas residentes en 75 vivendas cun investimento por vivenda que supera os 18.425 euros se se atende aos custos destes traballos e de proxectos anteriores con sistemas de bombeo e potabilizadoras.
Afirma que este proxecto atópase na fase final do proceso administrativo e está previsto que se aborde en breve, unha vez que se lograron os permisos sectoriais.
A portavoz municipal explicaba que nesta parroquia foi necesario solicitar autorización da Axencia Galega de Infraestruturas; Consellería de Cultura e Patrimonio ao haber elementos inventariables; Ministerio de Transportes pola vía de titularidade estatal e á Consellería de Sanidade ao tratarse dunha conexión nova.
Desde o goberno local lémbrase á veciñanza tanto desta zona como do resto das parroquias que, aínda que non é obrigatorio, faga o esforzo de unirse ás conexións de abastecemento para que se ofreza un servizo de calidade e resulte máis económica a obra para os usuarios, xa que se se solicita con antelación realízase a conexión antes do proceso de pavimentación das vías.
En caso de que o muro se atope a menos de cinco metros do punto de acometida serían 369 euros de gasto para os residentes. As persoas interesadas deberán solicitalo a Viaqua acudindo ás oficinas ou a través da súa páxina web.
Lourizán con esta obra uniríase a Tomeza, Mourente, Bora ou Salcedo, parroquias que xa finalizaron ou teñen moi avanzada a execución da rede de abastecemento. Segundo explicaba Anabel Gulías, quedan por presentar menos de dez proxectos para completar esta rede no rural e executouse xa ao redor do 85% das accións previstas na rede de sumidoiros e abastecemento.
CHARLAS SOBRE A FACTURA DA LUZ
O Concello tamén ten previsto organizar en colaboración coa asociación galega de consumidores ACOUGAdúas charlas informativas para a cidadanía sobre a subministración eléctrica, dereitos e obrigacións en relación con cuestións enerxéticas.
Nestes momentos nos que se cambiou o marco normativo e subiu o custo da factura da luz, a intención desde o Concello é que as persoas conten con información para saber como deben actuar ante calquera dúbida.
O venres 25 ás 20.00 horas celebrarase a primeira charla no Pazo da Cultura e o 21 de xullo, tamén á mesma hora.