Desde primeira hora desta mañá, as picarañas xa están a traballar en Raíña Vitoria. Comezaron unhas obras que cambiarán por completo a #fisonomía desta avenida que, unha vez terminen, converterase no que o Concello denominou 'skate-praza'.
Os traballos en Raíña Vitoria arrancaron na zona máis próxima ao entroncamento coa rúa Palamios, cuxo pavimento será de formigón puído e terá unha rampla para permitir o acceso de vehículos de emerxencia e garantir a accesibilidade para peóns e ciclistas.
De maneira paralela, unha empresa de cantería da Lama está a elaborar a ducia de pezas de granito que se colocarán sobre a calzada para formar o futuro skate-park urbano.
Serán movibles e desmontables con facilidade, a pesar de que cada unha delas pesa sobre unha tonelada. Irán ancoradas sobre a rúa e, en todo momento, garantirase o tránsito peonil por ambos os lados da avenida, segundo recolle o proxecto.
Para facer máis accesible toda esta contorna, entre o paso de peóns entre o IES Sánchez Cantón e a Alameda e a entrada do aparcamento subterráneo, habilitarase unha plataforma única de case oitocentos metros, elevando a calzada ao nivel das beirarrúas.
O Concello investirá uns 80.000 euros na construción desta nova instalación que, segundo as previsións iniciais, debería estar terminada no prazo dun mes.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.