Raíña Vitoria prepárase para acoller o futuro 'skate-praza'

Pontevedra
05 de setembro 2022

Ata 735 metros cadrados ocupará o skate-park que o Concello habilitará en Raíña Vitoria. Será entre o IES Sánchez Cantón e a entrada do aparcamento subterráneo da Alameda. A previsión municipal é que poida inaugurarse dentro dun mes

Recreación do skate-park de Raíña Vitoria
Recreación do skate-park de Raíña Vitoria / Concello de Pontevedra

Ata 735 metros cadrados ocupará o skate-park que o Concello habilitará en Raíña Vitoria. Será entre o IES Sánchez Cantón e a entrada do aparcamento subterráneo da Alameda. A previsión municipal é que poida inaugurarse dentro dun mes.

As obras para a súa instalación comezarán este xoves 8 de setembro, segundo avanzou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, que presentou os detalles do proxecto xunto a unha das súas autoras, a arquitecta Andrea Ricoy, o estudo SR Skateparks de Pontevedra.

"Máis que un skate-park será un 'skate-praza' polo seu carácter urbano e accesible", sinalou Gómez, destacando que permitirá integrar a práctica deste deporte no espazo público da cidade "visibilizando a cantidade de xente que o practica na cidade".

Os traballos en Raíña Vitoria comezarán coa construción dunha plataforma única que elevará a calzada ao nivel das beirarrúas no espazo que ocupará este skate-park. O seu pavimento será de asfalto e sobre el colocaranse as "barrigas arquitectónicas".

Serán unha ducia de pezas, elaboradas en granito por unha cantería da Lama, que irán colocadas "como un Lego", segundo Andrea Ricoy, e que serán movibles e desmontables con facilidade, a pesar de que cada unha delas pesa sobre unha tonelada.

Irán ancoradas sobre a rúa e, en todo momento, garantirase o tránsito peonil por ambos os lados da avenida. Terán unha media de 50 centímetros de alto, a máis alta, ata 75.

O proxecto inclúe a reforma do entroncamento entre Reina Vitoria e Palamios, cuxo pavimento será de formigón puído e terá unha rampla para permitir o acceso de vehículos de emerxencia e garantir a accesibilidade para peóns e ciclistas.

Os traballos de pintado do skate-park, que se acometerán ao final, dependerá das condicións climatolóxicas, xa que non se poderán realizar con choiva.

O Concello investirá uns 80.000 euros na construción desta nova instalación que, segundo explicou Demetrio Gómez, será "complementario" ao que se proxecta no campus universitario que estará máis enfocado á competición deportiva.