O ex presidente do Goberno e o do PP, Mariano Rajoy, recuperou esta semana Santa os seus costumes de camiñar rápido por distintas zonas das Rías Baixas que popularizou durante a súa etapa á fronte do Executivo e que lle servían para deixarse ver tanto cos seus amigos como con cargos e candidatos do partido. Nesta ocasión, recalou en Marín, unha localidade na que aínda non se lle vira publicamente co seu chándal.
A camiñada matutina deste sábado respondeu a unha invitación da alcaldesa e presidenta local do PP de Marín, María Ramallo, e contou tamén coa presenza do presidente provincial do PP e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do seu fiel amigo e presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa.
Ao paseo matutino sumáronse tamén tres concelleiros do PP de Marín e xuntos percorreron o paseo das praias de Marín, un itinerario que pasa por Portocelo e Aguete e que eles terminaron na praza de España. Alí almorzaron nunha céntrica cafetería.
Como é habitual, camiñada empezou cedo e foi a paso rápido. Partiron ás nove da mañá e percorreron máis de nove quilómetros nunha hora e media.
Segundo a información facilitada por María Ramallo, Rajoy animou aos integrantes da candidatura do PP para traballar e a explicar o proxecto do partido e desexoulles o mellor para as dúas citas electorais de abril e maio.
Esta non é a primeira aparición de Rajoy nesta campaña electoral en Pontevedra. O primeiro día de campaña, o venres 12 de abril, regresou á primeira liña política tras dez meses de silencio e afastado da política activa. A reaparición serviu para facer unha exhibición de forza do PP a nivel estatal e galego, con cargos internos e electos chegados de toda Galicia, Alberto Núñez Feijóo á cabeza, e para render homenaxe a quen foi o seu presidente nacional durante 14 anos.