Rajoy repetirá na carballeira de San Xurxo para abrir o curso político nacional do PP

Pontevedra
27 de xullo 2017

Despos de varios anos nun pazo do Salnés e no Castelo de Soutomaior, en 2016, o acto pasouse a Cerdedo-Cotobade. Este ano repetirá porque, segundo explicouo o presidente provincial, "resultou ser un sitio moi cómodo, de fácil acceso e moi céntrico" para as máis de 1.500 persoas que adoitan participar no acto

Comité Executivo provincial do PP de Pontevedra, presidido por Alfonso Rueda PP de Ponteveda

A provincia de Pontevedra vai acoller,  por undécimo ano consecutivo, o inicio do curso político do Partido Popular. Será, segundo confirmou este xoves o presidente provincial do partido, Alfonso Rueda, na Carballeira do San Xurxo, en Cerdedo-Cotobade.

Despois de varios anos nun pazo do Salnés e no castelo de Soutomaior, en 2016, o acto pasou a Cerdedo-Cotobade. Este ano repetirá porque, segundo explicou o presidente provincial, "resultou ser un sitio moi cómodo, de fácil acceso e moi céntrico" para as máis de 1.500 persoas que adoitan participar no acto.

Está confirmada a presenza do presidente do Goberno e do Partido Popular, Mariano Rajoy, pero aínda queda por fixar a data exacta. O presidente provincial apuntou que será "a última fin de semana de agosto ou a primeira de setembro".

Rueda fixo o anuncio durante a reunión do comité executivo provincial do PP de Pontevedra que presidiu este xoves, ao que acudiron como convidados os conselleiros de Sanidade e Industria, Jesús Vázquez Almuíña e Francisco Conde.

O comité executivo aprobou a segunda quenda de congresos locais a celebrar a partir de setembro e durante os primeiros meses do 2018. Entre eles está o de Pontevedra cidade, pero tamén outros da súa área como Bueu, Barro, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa, A Illa ou Cuntis. A listaxe complétana A Guarda, O Rosal, Oia, Crecente, Silleda e Ponteareas.

O presidente provincial indicou que non se están elixindo candidatos, senón que os cabezas de lista comezaranse a elixir ao longo do próximo ano, unha vez que remate este proceso, Agora "trátase de dar estabilidade e fortalecer as xuntas locais a nivel interno" e moitos cabeza de listas sairán deses congresos, "pero non todos".