Rastrexan os contactos de dous mariñeiros de Marín que deron positivo por coronavirus ao regresar a España

Marín
24 de xuño 2020

Fontes sanitarias confirmaron a PontevedraViva que ambos deron positivo na proba PCR, aínda que desde as canles oficiais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés aseguran que "non hai confirmación oficial" e remiten ao Ministerio de Sanidade. Un deles presentou síntomas, pero ao outro lle realizaron a proba por prevención

Probas rápidas para detectar o coronavirus sen saír do coche Diego Torrado

Dous mariñeiros de Marín que estiveran embarcados en augas de Mauritania deron positivo por coronavirus no seu regreso a España e, unha vez confirmados os contaxios de ambos, están a rastrexarse todos os seus contactos para detectar posibles infectados. 

Fontes sanitarias confirmaron a PontevedraViva que ambos deron positivo na proba PCR, aínda que desde as canles oficiais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés aseguran que "non hai confirmación oficial" e remiten ao Ministerio de Sanidade para calquera confirmación de novos casos na área sanitaria.  

As fontes consultadas por este medio confirman, con todo, que os mariñeiros regresaron a casa e un deles presentou síntomas, de modo que lle realizaron a proba  PCR e deu positivo. O segundo é asintomático, pero realizáronlle a proba por prevención e tamén se confirmou o seu contaxio.

Nada máis confirmarse os positivos, foron postos en corentena e empezou a realizarse un rastrexo dos seus contactos en prevención de novos contaxios.

Ambos regresaron a casa cando lle deu a substitución na marea outra tripulación e sospéitase que novos mariñeiros que subiron a bordo do buque puideron contaxialos. Tras deixar o barco, voaron a España e foi ao chegar cando o primeiro tivo os primeiros síntomas. 

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense desde finais da semana pasada con oito casos activos de coronavirus, todos eles de seguimento domiciliario.