Ravachol, 'confinado' na casa: Pontevedra renuncia á súa programación alternativa de Entroido

Pontevedra
27 de xaneiro 2021

Nin Ravachol logrou sobrepoñerse á covid-19. Aínda que nun principio o popular loro ía presumir de plumaxe pola cidade, o imparable ascenso da incidencia da pandemia levou ao Concello de Pontevedra a suspender a súa programación alternativa de Entroido

Carme da Silva, concelleira de Festas Mónica Patxot

Nin Ravachol logrou sobrepoñerse á covid-19. Aínda que nun principio o popular loro ía presumir de plumaxe pola cidade, o imparable ascenso da incidencia da pandemia levou ao Concello de Pontevedra a suspender a súa programación alternativa de Entroido

"Non podemos mandar mensaxes contraditorios á xente", explicou a edil de Festas, Carme da Silva. Lembrou que as autoridades están a recomendar aos cidadáns que se autoconfinen nas súas casas, polo que "non podemos decirlles que saian á rúa a festexar".

En coherencia cunha situación epidemiolóxica que, segundo Da Silva, alcanzou uns índices de contaxio "inasumibles" e "dramáticos", o goberno municipal suspenderá as dúas exposicións que ía organizar na Praza da Ferrería e na Praza de España.

Unha destas mostras ía reunir fotografías históricas do Entroido pontevedrés e a outra estaba centrada en Ravachol, o símbolo destas festas, e nas diferentes vestimentas que vestiu desde que en 1985 saíu á rúa por primeira vez.

Outra das actividades que se suspende é a colaboración co comercio local de Pontevedra, que ía colocar nos seus escaparates fotos de persoas anónimas gozando do Entroido, como unha forma de agradecer a súa participación permanente nestas festas.

Todo este material gráfico estará dispoñible a través da páxina web municipal.

Ademais, tampouco se colocarán as luces previstas en rúas e prazas da cidade para "non trasladar á xente que temos un ambiente festivo", dixo a responsable de Festas. Haberá que negociar coa empresa adxudicataria a rescisión do contrato.

Da programación habitual, xa suspendidos o desfile, a Mostra da Parodia, a Noite Pirata ou o concurso de murgas, só se salvara Ravachol. Iso si, sen enterro. Pero agora, aclarou Da Silva, o loro "tamén vai a quedar na casa".

Desde a páxina web do Concello os pontevedreses poderán entrar no domicilio de Ravachol "e ver como pasa esta situación", engadiu a edil do BNG, que apuntou que "antes de haxa un confinamento legal hai que facer un confinamento responsable".

O goberno municipal confía en que 2022 sexa o ano no que Pontevedra poida gozar do seu Entroido, un dos máis importantes das cidades galegas, "como sabemos facer".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora