A maior incógnita que se garda cada ano o Entroido de Pontevedra foi, por fin, desvelada este luns.
Decenas de pontevedreses achegáronse até a Praza da Peregrina para coñecer de primeira man o disfrace escollido para o Loro Ravachol, auténtico símbolo do Entroido.
Nesta ocasión o popular animal vestiu de "inuit rebelde" para defender a Groenlandia dos intereses de anexión do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump.
Un presidente norteamericano convertido nun "chulito de patio de cole" que "invade países, derroca gobernos, expulsa, secuestra e mesmo mata aos seus", explicouse no saúdo a Ravachol escrito un ano máis por Álvaro Gago e lido por María Simal, portavoz da Irmandade de Ravachol.
"Groenlandia, patria de infindos e vizosos brancos á que cómpre defender da cobiza imperialista", sinalaban ante os curiosos que querían ver ao seu querido Ravachol, sempre impertinente.
A defensa da illa fronte ao imperialismo norteamericano relaciónase tamén coa defensa do medio ambiente tanto a nivel local como global para tentar parar aos que seguen "coa teima de estragarnos os ríos, as rías, os bosques, a saúde".
A presentación do Loro Ravachol, cuxo vestimenta correu a cargo da Asociación Recreativa de Xeve, celebrouse xunto á recreación da botica de don Perfecto Feijoo, e contou coa actuación de Os da Terra.
Por desgraza o Ravachol esquimal só ten uns días para facer chegar a súa voz, xa que está previsto que o simpático animal faleza o vindeiro sábado 21 de febreiro poñendo fin á diversión do Entroido de Pontevedra.
O seu velorio quedará establecido a partir das 18.00 horas na Praza da Verdura, rogándose asistencia de rigoroso loito.
Unhas horas despois, ás 21.00 horas, partirá un cortexo fúnebre cun séquito for mado polas comparsas Os Canecos, As Sonecas, Os da Caña e Alegría de Bora, xunto aos grupos Vamos a todo e os Alegres.
Percorrerán as rúas San Román, Ferraría, paseo de Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Sabela II, Rúa Real, Sarmiento e Pasantaría para finalizar o seu percorrido na Praza da Ferrería, onde se procederá á incineración do símbolo do entroido.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.