O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, en Poio, acollerá este sábado, día 26, a partir das 18.00 horas, o acto de presentación do Proxecto de Vídeo Submarino Rías de Vida, impulsado pola Asociación Cultural do mesmo nome e que conta co financiamento do GALP Ría de Pontevedra, a Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.
O acto será presentado por Enrique González Figueroa, do Instituto Galego de Formación en Acuicultura, e nel intervirán os autores do traballo, Pedro Alonso Seoane (videógrafo submarino) e Luis López Cordeiro (fotógrafo submarino).
A Asociación Rías de Vida, de Poio, ten como obxectivo dar a coñecer os valores ambientais da Ría de Pontevedra. O GALP colabora no financiamento de mellores equipos de grabación submarina e de mergullo, que lles permitan continuar o seu labor e, neste caso, elaborar vídeos documentais sobre os fondos mariños da ría e as especies que os habitan.
O proxecto que se presenta este sábado está composto por 25 vídeos submarinos de curta duración e de carácter divulgativo e educativo, que estarán publicados en YouTube, no canal Rias de Vida de Galicia, para que calquera persoa os poida ver.
Na presentación poderase coñecer un pouco más polo miúdo como se desenvolveu o traballo de elaboración e os seus obxectivos, así como asistir ao visionado destes vídeos.