As ludotecas de verán impulsadas pola Concellería de Educación do Concello de Poio, Campaverán e Raxó Verán, volverán a estar operativas nos meses de xullo e agosto.
A concelleira Raquel Rodríguez sinalou que o Concello de Poio reafírmase na súa aposta polos servizos, actuacións e iniciativas que faciliten a conciliación familiar, "como institución que defende a igualdade e a corresponsabilidade nos coidados nos fogares".
O Campaverán desenvolverase nas instalacións do CEIP Isidora Riestra, en San Xoán, e, o Raxó Verán no CEIP Espedregada. As prazas repartiranse en catro quendas diferentes, de 15 días.
A Concellería de Educación dará a coñecer proximamente toda a información relacionada coas bases, número de prazas dispoñibles e os períodos de reserva e inscrición.