Reacción social para que reparen a estrada N-640 onde hai fochancas que cobren un pé

Umia
13 de febreiro 2026

A iniciativa, impulsada por un veciño tras sufrir danos no seu vehículo, suma preto de 500 afectados que demandan unha actuación estrutural ante o deterioro do firme

Estado da calzada da N 640
Estado da calzada da N 640 / Afectados N 640

O estado de conservación da estrada nacional N-640, especificamente nos tramos que discorren polos concellos de Cuntis, Caldas de Reis e A Estrada, motivou o inicio dunha campaña de reclamacións coordinada polo veciño José Touriño Gómez.

A iniciativa xorde tras os incidentes rexistrados na semana do 26 de xaneiro, cando se produciron múltiples danos en pneumáticos á altura do quilómetro 219, no termo municipal de Cuntis, debido á presenza de fochancas e irregularidades na calzada, con buracos que cobren totalmente un pé.

Fochanca que cobre un pé na N 640
Fochanca que cobre un pé na N 640Afectados N 640

A mobilización canalízase a través do grupo de Facebook "AFECTADOS N640 (CUNTIS)", que nunhas semanas supera os 700 integrantes.

O obxectivo principal desta acción colectiva é esixir ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible unha reparación integral da vía, rexeitando as intervencións provisionais baseadas no bacheado con "morrillo".

Para dar traslado formal destas demandas, Touriño Gómez presentou esta semana unha serie de escritos e instancias ante diversas administracións.

Entre os destinatarios figuran o Ministerio de Transportes, a Inspección Xeral de Servizos, o Valedor do Pobo e a Xunta de Galicia.

Solicitouse tamén a intervención da Deputación de Pontevedra e dos tres concellos afectados. A proposta presentada aos gobernos locais de Cuntis, Caldas e A Estrada busca establecer unha estratexia conxunta.

A intención é que as tres administracións municipais elaboren unha solicitude única dirixida ao Goberno central para axilizar a execución dun proxecto de reforma que garanta a seguridade viaria na zona.

Irregularidades na calzada da estrada N 640
Irregularidades na calzada da estrada N 640Afectados N 640

Aínda que polo de agora non se formalizou unha resposta oficial por parte dos gobernos locais ao grupo de afectados, o Partido Popular de Cuntis comunicou o rexistro dunha solicitude propia ante o Ministerio para a mellora do vial. Tamén o alcalde socialista Manuel Campos reclamou esa mellora hai dous meses ao Goberno central.

Pola súa banda, o impulsor da iniciativa estendeu a súa petición de apoio a diversas entidades profesionais,como a:Asociación de Empresarios da provincia de Pontevedra, a Asociación Galega de Transportes por Estrada, a.Asociación Nacional de Empresas de Auxilio en Estrada, Dirección Xeral de Tráfico (DGT) e a Garda Civil.

A mobilización veciñal permanece á espera de recibir contestación aos escritos presentados, sen descartar a futura constitución da plataforma como entidade xurídica para reforzar as súas demandas ante o deterioro progresivo desta infraestrutura estatal.