Rebélanse contra o "apagón dixital" de Movistar e Orange

Cerdedo Cotobade
27 de xaneiro 2026

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, esixe solucións inmediatas despois de catro días de incomunicación en parroquias como Quireza, Tomonde ou Aguasantas

Jorge Cubela presentou unha reclamación a Movistar e Orange Concello de Cerdedo-Cotobade

Catro días de silencio dixital foron o límite para a paciencia de Cerdedo-Cotobade e o alcalde do municipio, Jorge Cubela, deu este luns un paso adiante na defensa dos seus veciños ao presentar unha reclamación formal ante as xigantes das telecomunicacións Movistar e Orange.

O motivo non é outro que a caída persistente dos servizos de telefonía e internet que mantén a boa parte do concello illado do mundo dende o pasado xoves.

A incidencia, lonxe de ser un erro pasaxeiro, castigou con especial dureza á zona rural, afectando de xeito crítico ás parroquias de Quireza, Tomonde, Castro, Aguasantas e Valongo.

Neses núcleos, o que comezou como un fallo técnico circunstancial o xoves pasou a ser un problema estrutural que prexudica tanto a vida cotiá dos particulares como a actividade económica das empresas e servizos locais que dependen da rede para o seu funcionamento.

Aínda que a xestión e o mantemento das liñas de comunicación son responsabilidade exclusiva das operadoras e non entran dentro das competencias municipais, Cubela quixo deixar claro que o Concello non vai quedar de brazos cruzados.

A través dunha mensaxe nas súas redes sociais, o rexedor explicou que a administración local decidiu actuar como altofalante das numerosas queixas veciñais acumuladas durante esta fin de semana de "apagón".

O Concello esixe tamén explicacións transparentes sobre cales foron as causas exactas desta avaría prolongada e, sobre todo, que medidas de continxencia van adoptar Movistar e Orange para evitar que Cerdedo-Cotobade volva sufrir unha desconexión desta magnitude no futuro.

Desde o goberno local reiteran que manterán a presión sobre as operadoras ata que a normalidade sexa total en todo o municipio.