Reclaman á consellería de Educación o novo mapa escolar "que leva un ano metido nun caixón"

Pontevedra
21 de outubro 2015

A CIG emitiu un comunicado para criticar o recorte de profesorado, o aumento das prazas itinerantes e a falta de medios nos centros para atender a alumnos que precisan unha atención especializada

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, atendendo aos medios de comunicación
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, atendendo aos medios de comunicación / Mónica Patxot

A CIG emitiu un comunicado para criticar o recorte de profesorado, o aumento das prazas itinerantes e a falta de medios nos centros para atender a alumnos que precisan unha atención especializada. Desta forma, o sindicato nacionalista responde o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez e ao xefe territorial de educación, César Pérez Ares que, na súa recente visita a Pontevedra anunciaron o estudo da modificación da zonificación para destinar alumnos aos diferentes colexios públicos sempre que existise consenso.

Desde a CIG Ensino afirman que todos os cursos hai problemas para a distribución do alumnado dos centros educativos e lamentan que levan anos escoitando desde a Consellería de Educación que están a traballar para facer un mapa escolar. Indican que o Xefe territorial xa lles anunciou que desde 2014 ten nun caixón esta modificación da repartición dos centros públicos negándose a facela pública.

Segundo o sindicato os conflitos xerados coa adscrición da Escola Crespo Rivas ao CEP Campolongo, débense a non ter unha planificación escolar feita e o problema actual do CEIP Barcelos encóbreno alegando que é culpa da zonificación. A central nacionalista sinala que desde a consellería non se ten en conta nin a calidade do ensino público as circunstancias particulares de cada centro e piden ao conselleiro que non veña a Pontevedra a poñer en marcha actos de propaganda.

Denuncian ademais que a consellería de Educación leva anos discriminando a Pontevedra, pechando unidades e escolas unitarias, negando a construción do novo colexio de Valdecorvos, evitando atender as demandas da comunidade escolar do CEIP de Barcelos e mantendo aulas masificadas, por encima da cociente, en varios centros como o de Marcón ou o de Lérez.