Reclaman a Sanidade explicacións sobre os cambios de consultorio médico en Poio

Poio
22 de maio 2020

O alcalde Luciano Sobral enviou un escrito á Xunta de Galicia pedindo explicacións sobre cambios de facultativos que provocan que residentes en Combarro teñan que trasladarse a Anafánse e á inversa. Desde o goberno local lembran a necesidade de que Poio conte cun novo Centro de Saúde

Centro de Saúde Anafáns
Centro de Saúde Anafáns / Mónica Patxot

Luciano Sobral, alcalde de Poio, enviou un escrito á Consellería de Sanidade para que Jesús Vázquez Almuíña, responsable deste departamento, explique as razóns polas que realizou cambios na atención do consultorio médico desde hai unhas semanas. 

O rexedor indica que estas modificacións provocan complicacións na asistencia dos pacientes. Explica que a Xunta de Galicia remitiu unha notificación informando de cambios provocando que residentes en San Salvador, que recibían servizo no Centro de Saúde de Anafáns, teñan que desprazarse ata o centro sanitario de  Combarro, e esa mesma situación prodúcese á inversa.

Sobral lembra que neste momento, en pleno estado de alarma, é necesario que se ofrezan as máximas garantías sanitarias á cidadanía e reclama unha explicación en relación a estes cambios que provocan que moitos veciños que carecen de medios para desprazarse non poidan acudir ás consultas. "Parécenos preocupante", afirma o alcalde de Poio.

Ante as queixas veciñais, desde o Concello alértase de que se están buscando fórmulas para asesorar ás persoas afectadas para que poidan presentar alegacións. 

Desde o goberno local insisten en lembrarlle á Xunta de Galicia que é necesario que Poio conte cun novo centro de saúde, sen que se pechen os de  Combarro e Raxó, ao entender que garanten a proximidade de acceso aos residentes nestas zonas.